Páxinas

venres, 26 de decembro de 2014

A febre dos coxíns

Levo tempo soñando con camas ateigadas de coxíns e sofás cheos de coxíns... un mal pasaxeiro e sinxelo de aplacar. O caso é que tampouco vou á velocidade do raio, so rápido que se fan uns coxíns novos e eu paso meses ata que fago unha funda. O caso é que un día decidínme e no canto de coser calquera outra cousa que tiña a medias fixen estas fundas novas.

coxíns

Coa tea que sobrou de facer a hamaca fixen unha funda tipo almofada, cun extremo dobrado, coa idea de acabar axiña e máis de que fose rápido de desenfundar... pero o recheo non era o máis axeitado e a abertura quedaba moi aberta, así que finalmente deille un par de puntadas para pechala.

estrela

Para a outra fun á tenda de teas á busca dunha tea un chisco resistente, que non fose moi finiña, e acabei traendo estas estrelas. Seica teño algún tipo de obsesión coas estrelas porque na tea do outro coxín a flor tamén ten forma de estrela. Para este xa decidín que merecía a pena adicarlle cinco minutoas máis, así que púxenlle cremalleira e quedou moito mellor.

máis estrelas

Levan xa un par de semanas de uso, así que non están impolutos, pero polo menos libraron da plaga que atacou a (que eu saiba) tres dos outros coxíns da casa e que fixo que á gatiña gardapixamas le saira un derrame nun ollo... 

derrame

O Moucho está desexando que me pase esta tolemia dos coxíns porque pasan a maior parte do día no chan, agás cando quere deitarse no sofá, que entón ten que quitalos todos, jijiji, pois aínda teño dous recheos ós que facerlles fundas, e non sei se se me pasará polo momento.

Non sei que febre será peor, se a que me ataca a min, ou a que ataca ós pobres coxíns ;-P

luns, 22 de decembro de 2014

Máis toalliñas

As toalliñas de lactancia son o agasallo estrela para recén nados: son útiles e son bonitas. Para poñer no hombreiro quen os pon a arroutar logo de comer, ou para poñer baixo a súa cabeciña cando están deitados e limpar o que regurxitan.

toalliñas de lactancia

Estas foron do último encargo, e unhas marchan para Italia! Que ilusión que as miñas toalliñas viaxen polo mundo! Pero mellor aínda é saber que lles gustan ás mamás e papás que os reciben.

toalliñas de lactancia

Desta vez, co seu permiso, aproveitei un dos innumerables deseños da L. para enfeitalas un pouco, e quedaron moi chulas! Creo que o farei máis veces.

luns, 15 de decembro de 2014

Robots e extraterrestres

De cando en vez teño algún encargo. Case sempre son para bebés, toalliñas de lactancia e mantiñas sobre todo.
Desta vez a rapaza que me fixo o encargo quería unha mantiña de velour ou nicki coma unha que xa me mercara hai tempo para facer un agasallo e que fora un éxito, así que escolleu esta tea de robots e pareceume que irían ben para acompañala uns extraterrestes-monstros desta tea que me quedaba na casa en forma de toalliñas de lactancia.

mantiña toalliñas

mantiña

mantiña

Esta semana levei un chasco: fun á mercería onde merco sempre esta cinta para facer as etiquetas e a que tiñan xa non era de algodón, era sintética. A muller da tenda dicía que cada vez pechaban máis fábricas e éralles máis difícil conseguir material, e que ademáis xa non había cousas de algodón, polo menos de algodón 100%. Tiven que levar outra cinta lisa que non me gusta nada e moito máis estreita. A ver se consigo nalgures esta cinta con "v" que non sei como se chama en realidade...

Estas fotos son xa do mes pasado, pero lembreime delas porque fixen algunhas toalliñas máis estas últimas semanas e non lles fixen fotos. O último encargo aínda non saiu da casa, a ver se o rexistro antes de mandalo coa súa destinataria.

E non me esquezo da colcha, está rematada xa pero aínda teño que facerlle unhas fotos en condicións, e co tempo que fai, o grande que é, e o pouco que dura a luz, aínda non tiven ocasión... tiven unha visión de onde podería facer as fotos, pero necesito un axudante... adulto, así que seguimos agardando, pero xa vola amosarei.

mércores, 3 de decembro de 2014

A outra case Lou

Quedábame por amosarvos a outra case Lou, a primeira que fixen, para a Z. Usando o patrón base da sudadeira verde de estrelas desta Ottobre, que creo que lle senta xenial á receptora.

case lou II

Non vos falara dela porque o outro día colocando o armario vina alí e decateime de que non a puxera nunca, a súa resposta foi que lle gustaba, pero para poñer os sábados, o que creo que quere dicir claramente: Mamá, dáme vergoña que os meus amigos me vexan con iso.
Unha mágoa, porque me encanta, pero totalmente entendible, non? Os pantalóns son de novo unha mestura dos yoga pants e os relaxed fit, e seica tampouco os puxo soltos porque prefire levar "o conxunto". O que se di un chándal completo. O que máis lle gusta agora mesmo é un chándal do decathlon do que ten toda a humanidade igual e que herdamos dunha amiga hai pouco.

Esa fin de semana estreouna, supoño que máis por contentarme que outra cousa, pero aproveitei para facer unhas fotos rápidas na rúa mentres baixabamos ver a avoa Olga, cargados de bolsas e sen tempo nin espacio, así sairon as pobres.

case lou II

case lou II

Agora estou pensando se a gardo ata que a L medre... e seguramente non queira usala tampouco.

Seino, seino, teño que comezar a coser máis para min e deixalas a elas tranquilas...

luns, 1 de decembro de 2014

De lúas e estrelas

Esta tea era un retallo grandiño pero o estampado tiña fallos, así que non se aproveitaba moito. Ó principio pensara en usala combinada cunha tea azul para as mangas, pero logo cambiei de idea e aproveitei toda a tea para a camisola porque é dun punto gordiño que non ten dereito nin revés (quitando o estampado, claro). Será isto o famoso interlock?

lúas e estrelas

lúas e estrelas

lúas e estrelas

Cando merquei a tea a vendedora xa me advertiu que era preciosa para un pixamiña, porque se ten lúas e estrelas ten que ser para un pixama, non? Pois non. E ademáis converteuse nunha das miñas preferidas porque a tea é tea de verdade, cada vez téñolle máis teima a esas camisolas das tendas con tea babosilla que case dá grima tocalas... está provocándome un efecto rebote de "canto máis gorda mellor".

O patrón é o de sempre, a flashback skinny tee de Rae, e a tea un retallo de tendas locais.

venres, 28 de novembro de 2014

Estampado vertical

É un pouco rara esta tea porque o estampado vese moi vertical, verdade? Se non chego a fixarme teríaa cortado ó revés.

estampado vertical

estampado vertical

Sempre que lle digo que quero sacar unha foto da roupa ábreseme así de brazos, debe ser para que se vexa ben :D

Merquei unha agulla dobre de 4mm e useina nesta camisola, a verdade é que os remates quedan moi profesionais, pero creo que me gustan máis cos zig-zags de sempre. Ademáis non acabei de pillarlle o punto, para que quedasen as puntadas con elasticidade suficiente tiven que poñer a tensión do fío case ó máximo porque senón o fío inferior quedaba prácticamente recto. Non sei se era polo tipo de tea, ou se hai algún truco que eu non sei.

O patrón é a raglan Naii e as teas son as dúas do acopio de verán en tendas locais. Xa vos dixen que tiña que amortizalas, non?

mércores, 26 de novembro de 2014

Branco-gris-amarelo

Odio as prendas brancas. Imaxino que non son a única á que lle pasa que as camisolas brancas se estrean na primeira posta con algún tipo de mancha que non dá, ou que acaban tendo os puños dunha cor indeterminada que pouco ten que ver co branco. Ou as toallas, como unha cunha mancha laranxa de non se sabe que que non conseguín quitar con nada, ou as outras, que semella qe están sempre sucias aínda que estean recén lavadas. Se eu fose a única non habería tantos anuncios intentando vender cousas para branquear todo.

Eu non son de usar produtos, porque non me parece ético contaminar seguido só para que a roupa se vexa radiante, como moito frego con xabón e poño a clarear... pero pode pasarme como ese pantalón da Z que saquei o venres á herba e do que acabo de lembrarme agora mesmo (auch  >.<), de feito iso é o máis habitual.

Así que o outro día decidinme a usar un tinte que mercara hai tempo para rexuvenecer a sudadeira negra do Moucho e con ela metín un chaleque e un par de toallas brancas-gris-amarelas, unha delas a famosa da mancha laranxa.

tinte

tinte

tinte


O challeque foi un fiasco, era en cor marrón clara e saiu marrón grisáceo, a manchas, e cun talle menos.
As toallas con ese gris azulado gañaron dezmil puntos!
A sudadeira saiu negriña negriña que dá gusto vela,... pero o Moucho aínda non a probou. Témome o peor.

Si, seino, os tintes non son moi ecolóxicos que digamos, pero só se usan unha vez e permiten alongar a vida útil da roupa, así que eu creo que compensa.

Agora teño en mente algunhas camisolas das nenas e outras toallas pero quería probar a cambiar de cor, cun verde ou así, pero teño que mirar noutro sitio porque onde merquei este só había negro, azul marino e marrón.

 Vós usades tintes para a roupa? Algunha recomendación?

luns, 24 de novembro de 2014

Pequeno avance

Só quedaban cinco cadrados da colcha a semana pasada e agora aínda quedan catro. Como non dei sacado máis tempo para coser o que fixen foi adiantar na seguinte fase e recortar os cadrados. Dá un gusto velos todos curiosiños e do mesmo tamaño!

O mellor disto é cando podes poñerte a xogar con eles e facer distintos deseños. Estes cadrados son log cabin quarters e están feitos de maneira que o que sería o centro do log cabin, e que está nunha esquina, sempre é rosa, esta idea xurdiu dos quilts tradicionais nos que o centro do log cabin era vermello para simbolizar o corazón da casa e a familia, e logo adapteino ó gusto da destinataria. Ese primeiro cadrado rosa pode ser claro ou escuro e logo levan dúas franxas de cores escuras e claras alternando segundo a intensidade do primeiro cadrado.

Esa foi a idea coa que comecei a facer o quilt, para xogar coa intensidade da cor ou co "volume" en inglés. Fixera incluso uns debuxiños nunha libreta xogando cos cadros para ver como quedaban e decidírame por un deles, pero claro, logo na realidade as cousas vense diferentes. Xa probara hai tempo con menos cadrados e cambiara o meu deseño orixinal por un en zig zag que me sorprendeu aparecendo.

Tiña outras fotos pero a cámara quedoume na casa de miña nai, así que déixovos as fotos que fixen co móbil.








Non quería que saíran eses recadros todos, pero imaxino que non é posible evitalo copiando o código de instagram...
Agora con imaxes pódovos explicar mellor. A miña idea inicial era a número 5, e a sorpresa do zigzag é a número 7, que tamén parece ser a que máis gustou no instagram. E a número 1, que a min non me chama nada, tamén gustou bastante, é curioso isto dos gustos, non? O único que me bota para atrás da número 7 é que os centros rosas desaparecen e quedan diluidos. 

E igual aínda sigo xogando un pouco máis cos cadrados, que quedan moitas combinacións posibles por facer.

Ah, a colcha será de 6x6 cadrados, así que non están todos aí, só unha mostra. Que vos parecen?


martes, 18 de novembro de 2014

Unha cama para Galla

Ás veces quédannos na cabeza pequenas cousas, ás veces imaxes de cousas que nos gustan ou que arelamos. Eu teño na cabeza moitas imaxes de cans deitados nas súas camiñas brandas, e moitas concretamente do corgi do blogue Posie gets cozy deitado en multitude de preciosos, doces e delicados quilts dos que fai a súa dona (neses momentos non penso en cando vén de pasear cheo de lama, claro, só nas imaxes idílicas coma esta, esta ou estoutra, e das que hai moitas polo blogue adiante).

Galla anda preto dos 12 anos, e aínda que está coma unha rosa, quitando que o Moucho non a pode levar con el correr porque volve coxeando, cousa que lle pasaría a calquera ser vivo normal; pero dende hai un tempo ten o peito pelado e un callo bastante grande nunha das súas patas de estar deitada sempre en duro. Pero calquera cousa que lle poñamos acaba sempre en anaquiños. Sei que debería deixarlle algo para cando se pon nerviosa, pero só lle gustan os ósos de coiros, que lle duran media vez.

Hai un par de semanas pensei que atopara a solución: merquei un anaco de lámina de pvc desta de poñer no chan e debaixo metín unha colchoneta de escuma da que se desfixo algún dos meus veciños eses días... non durou nin unha semana, a lámina é dura, pero ó ter debaixo algo brando a súa resistencia mermou e rematou así.

Galla

Non sei se podedes apreciar a "raja" no chan por onde sacou o colchonciño.

Un desastre. Outra vez.

Decidinme a aproveitar os anaquiños a facerlle unha cama convencional con eles, así que cos dous derradeiros anacos dos mostrarios fixen a súa camiña nova, que á media hora, recén colocada, víase así:

galla

Polo menos xa tiña onde pousar eses osiños todos. 
Esta é unha foto de onte, exactamente tres días despois da anterior...

galla

Así que nada, agardarei a que desapareza esta tamén e farei un último intento metendo unha alfombra debaixo do chan... e non se me ocorre máis nada.

Tereime que conformar coas imaxes de gatos deitados en cousas moles. Parece que por aquí xa empezan a ser algo amiguiños. 

miaus

Encántame cando se poñen rosquillas :)

luns, 17 de novembro de 2014

Só quedan cinco!

A semana pasada púxenme a facer un dos cadros da colcha que comecei para a L hai dous anos, e de súpeto vin a luz ó final do túnel. Dos 36 cadrados que tiña que facer xa "só" quedaban 12. Entón ocorréuseme pensar que igual podía conseguir tela rematada para o seu aniversario.
Durante a semana pasada fixen outros sete, así que só restan cinco cadrados, e 15 días... se o penso moito sei que non me vai dar tempo, queda facelos, recortalos, unilos, poñer outra capa de boata máis, poñer a traseira, reacolchar e poñer o bies. Así que o que fago e tirar para adiante con ilusión, coa vista posta no obxectivo final e non pensar, só facer, así é como se conserva a esperanza, non pensando ;D

colcha L
colcha L
colcha L 
colcha L
colcha L

Tan animada me atopo que ata me atrevín a rebuscar entre as posibles traseiras e sacalas do armario. Cando a teña rematada (en nada, vamos) cóntovos máis cousiñas da idea desta colcha.

Imos aló!


venres, 14 de novembro de 2014

Raias

E unha nova, de raias.
Este patrón ten un fallo que xa constatara ó coser as anteriores camisolas e é que, polo menos no talle 2, as mangas son máis grandes que a sisa do cropo, así que nas anteriores simplemente as fixen máis estreitas na sisa para que cadraran, pero desta vez, que vin que a tea era moi elástica, dixen eu: "igual é que está feita para estirar a tea... como é unha camiseta apretadiña, pois seguro que o patrón pide tea de punto con elastano e por iso non cadran". Bueno, pois agora xa sei que non, que non cadran porque está mal, e que non se poden estirar as teas para facelas cadrar porque volean.

Ademáis quedoume un pouco longa nas mangas, pero deime conta cando estaba cosendo o segundo puño, de que non cortara o borde da tea, así que deben ter polo menos centímetro e medio máis do que lles corresponde...

Por que teño tan poucas veces a sensación de que algo quedou BEN? Sempre hai algún fallo nalgures.

a raias

a raias

a raias

Aquí tedes ó B. facendo unha das cousas mellores do mundo mundial, que é saltar na cama mentres eu intento facela, porque si, mamá, logo de 8 anos sen facer a cama, dende que no verán decidín que as nenas se responsabilizasen de facer cadansúa, eu non tiven máis remedio que dar exemplo. E iso é que nos pasa ás nais e que fai que ás veces parezamos moi responsables a ollos d@s fill@s.
E a súa verdadeira mellor cousa do mundo mundial que é: meterse no oco que hai entre os dous colchóns que temos pegados :)

Pero non todo é malo, dúas cousas que me gustan da camisola: como se xuntan as raias nos ombreiros, e ese punto de zigzag enorme no baixo.

a raias

a raias

A tea merqueina en telas.es aproveitando que pedía para un encargo, e pensando facer unhas mallas para min, pero é tea de camiseta, e aínda non teño moi claro que vaia usala para iso porque non me parece que sexa resistente abondo.
Os puños son dun retalliño que teño de hai anos dando voltas pola casa.
O patrón é de novo a flashback skinny tee en talle 2.

domingo, 9 de novembro de 2014

Unha de monos surfistas

Camisola, digo. É o que ando a coser últimamente, porque é do que andamos máis faltos.
O malo de ter tres nenos é que sempre parece que coses pouco. Fixen unha para a Z., dúas para a L. e tres para o B., e ningún deles está sobrado.
Agora falta que poida facerlles fotos con elas postas para volas amosar.

monos surfistas
monos surfistas
monos surfistas

O patrón é a flashback skinny tee en talle 2 anos e as teas do meu acopio de verán nas tendas locais.

xoves, 6 de novembro de 2014

Buh!

Si, o Samaín xa pasou, e este ano que o tiña esquecido e bastante dado de lado acabei decorando dúas cabazas, desfrazándome e ata facendo unha larpeirada de última hora para levar ó cole.

cabaza de millo

fea

pantasmas

As pantasmas son uns merengues que atopei facendo unha busca en google e que resultaron ser sinxelos, rápidos e por riba tiña todos os (poucos) ingredientes na casa. Bueno, o cremor tártaro non. Non sabía nin o que era nin para que valía, pero (outra vez google), soproume que podía sustituirse por outro ácido, e eu tiña eses sobriños de gasificante para facer biscoitos que vén separado en dous sobres. Pois iso usei, e xa vos aclaro que é para que ó merengue non lle pase o que lle pasaba sempre a miña nai cando decoraba as tartas con el e se "desmontaba".
E de paso estreei a miña pistola para galletas do Lidl, mercada pensando en facer galletas máis a miúdo sen ter que amasar, estirar, cortar, colocar na bandexa,... para iso aínda non a usei, pero moloume moito facer os churriños das pantasmas! A receita de Tía Alia tédela aquí.

E, xa para rematar, aínda que non ten moita relación voulla sacar. Cando vimos a súa foto na web da protectora, miña nai dixo que parecía un demo, e logo resultou que esta gatiña de capa carey (tartaruga!) foi a primeira de todos os minigatiños que veu saudarnos ó B. e a min nada máis entrar velos. Neve xa non está connosco :( e este demo, que é boísimo, foi bautizada coma Noite e agardamos que nos faga compaña a nós e a Xeo por moito moito moito tempo.

Noite

venres, 31 de outubro de 2014

Temporada de mazás

Fomos a unha comida hai un par de semanas e de postre había uns biscoitos de mazá que estaban para morrer de gusto. E antolláronseme, e como no coche traiamos unha caixa de mazás reinetas dos avós, pois fixen unha versión desta receita de Kanela y limón (esta receita é de hai tempo, mirade as últimas entradas e flipade coas fotos e a evolución).

O único que cambiei foi a manteiga (que non tiña e non me vai moi ben para o meu) por aceite, usei menos mazás e botei un chisquiño de canela por arriba.

biscoito de mazá

biscoito de mazá2

biscoito de mazá3

biscoito de mazá 4

Estaba moi bo, pero non iguala ós da comida aquela, así que terei que pedir a receita. O único malo que lles vexo a estes biscoitos cremosos é que teño medo a que se derramen e cómoos eu soíña nun par de días, glups!

E agora o que vos quería preguntar, vós facedes compota ou algo semellante coas mazás para conservar? Temos moitas, e aínda que o Moucho as come de tres en tres, se sobrara algunha non quixera que se estropearan, xa sabedes... compartides comigo a vosa sabedoría?

xoves, 30 de outubro de 2014

Un chaleque de lobo

Vímolos nunha tenda e as nenas querían mercalos, custaban case 30€ cada un e eu non lles vía utilidade, así que pensei facelos.

Merquei a tea, saquei o patrón dun chaleque da Ottobre que tiña e montei un cristo cortando esa tea peluda. Picábame todo e de súpeto xa non me pareceu tan boa idea.

chaleque de lobo

Quedou enorme a pesar de que xa lle cortara un bo anaco e as sisas van rematadas daquela maneira, pero ela di que lle gusta.

Agora fáltame o da L. e planeo facer eu o patrón e facelo máis curto e máis entallado, entre outras cousas porque me queda pouca tea. Se consigo facelo algún día volvo por aquí amosárvolo.

venres, 24 de outubro de 2014

Coser cousas raras II

E aquí está, o precursor da funda dos tubos da cama elástica: un diademeiro.

Dáme a risa ó amosalo porque foi feito un día nunha arroutada farta de ter unha maraña de diademas e de que as nenas tiraran todas cada vez que querían coller algunha. A idea inicial era coller un retallo de peluche azul que me dera a amiga Cris, pero ás nenas encántalles para xogar e non fun quen de atopar máis ca un minúsculo pedaciño, así que collín o que tiña que resultou ser un peluche marrón, e entón o diademeiro pasou de ser simpático a unha cousa entre rancio e horteiro, pero funcional, iso si.

Cosín o peluche a un anaco de boata sintética gorda que tiña na casa e forrei un tubo de cartón no que nos deran unhas fotos, púxenlle velcro para pechar o tubo, por arriba vai simplemente metido polo oco do tubo, e por abaixo (púideno colocar mellor para a foto) metino no portarrollos do baño que non usamos nunca e que está posto en vertical.

E sen máis aquí vos deixo coa miña creación monstruosa :D

diademeiro kitsch

Non fai falla dicir que ó día seguinte de facer o enxendro apareceu o retallo azul que eu buscaba, pero como isto xa estaba en funcionamento e como son unha galvana, pois aí quedou para sempre xamáis, e as nenas seguiron xogando coa súa "tea suave".

mércores, 22 de outubro de 2014

KCW: 101 dálmatas e unha camisola

Esta semana é a Kids Clothes Week de Outono, unha semana para coser unha hora ó día e poñer ó día os armarios dos nenos... eu fago trampa, coma case sempre, vou tratar de amosarvos algunhas cousas que fixen dende que comezou o cole e que non dou publicado porque, ou ben non teño fotos, ou ben non teño ganas...

Esta vez ademáis a semana vén con temática: contos, ou libros infantís, vamos storybook, xa o traducids vós. E a chaqueta que traio hoxe, encaixa (aínda que sen propoñelo) cun libro de sobra coñecido, non? As camisolas de dálmata do inverno pasado foron todo un éxito, así que cando a final de cuso atopei este polar con estampado de dálmata na sección de rebaixas non o dubidei. Para facer dúas chaquetas para o inveno.

dálmata

Calculei un pouco mal, as nenas van grandes e a tea non rende nada, e por riba leva carapucha, así que deume para unha e para de contar. Á outra igual podo poñerlle algún detalle nalgunha prenda cos retallos que sobraron, peo máis nada.

dálmata

Os petos levan cremalleiras, pensei que ía ser moito para min, pero a verdade é que quedei satisfeita co resultado.

dálmata

Usei o patrón 35 da Ottobre 1/2014 no talle 134. Estoulles sacando partido a estas revistas, aínda que teño máis ideas que tempo e necesidade de roupa, que por agora están bastante surtidos, a non ser de camisolas.

E esta foi unha camisola que tiña cortada con mangas curtas para o verán, pero que non cheguei a cosela. Como aínda tiña tea fixen unhas mangas longas e cosina por fin a semana pasada. O pescozo fíxeno cunha tira de tea un chisco máis ancha do que fago normalmente, e quiteille menos centímetros e quedou unha especie de pescozo cisne que me gusta.

camisola de flores

Quería facer unhas fotos en condicións, pero pegaba moito o sol e estabamos preparadas para marchar coas bicis, así que é o que hai. Algo mellor ca nada.

De momento o único que fixen esta semana foi cortar tea para un par de camisolas. Veremos se teño tempo de coselas.