Páxinas

sábado, 30 de agosto de 2014

KIMO KAPS

Descubrín esta iniciativa de gorriños tipo bandana para nen@s en tratamento oncolóxico e fixen uns poucos, con algunhas teas das que tiña por casa e outras que donou alguén que non sabe ou non ten tempo de coser pero que quería colaborar e que me mandou a coordinadora da iniciativa en Galicia, que está a facer moito traballiño.

Chámanse KIMO KAPS e teñen grupos en facebook para case todas as comunidades autónomas. O noso é Kimo-kap Galicia, por se queredes entrar a mirar ou colaborar. No blog (que acabo de descubrir) tendes o patrón e o tutorial para coselos.

Unhas fotiños dos modelos (estou desexando que esa parede pase a ser branca).

kimo kap

kimo kap

kimo kap

sábado, 23 de agosto de 2014

Relaxed Yoga

Atopei nunha tenda física (por fin) algo de tea tipo sudadeira... a que usei para estes pantalóns en concreto non o é exactamente, pero é un punto gordiño que é igual polas dúas caras.

Mentres estabamos de vacacións descubrín que a Ottobre estaba á venda nas librarías en España e en castelán, así que achegueime a unha botarlle un vistazo (4/2014) e leveina para casa directa a facer plans de cosidos con teas que tiña na casa. Logo lembrei toda aquela recua de pantalóns que fixo Naii para a volta ó cole e decidinme a mercar outro número máis vía online e en inglés (1/2014), pero levei un chasco porque ó chegar a casa o carteiro deixáraa na caixa do correo chovendo e viña nun sobre de papel, así que as follas e os patróns pegáronse nun dos extremos. Pero escribinlles contándolles o ocorrido e enviáronma de novo protexida esta vez nunha fundiña plástica por se acaso, aínda que non fixo falla.

Foi recibila e poñerme a argallar. Esta tea gris era perfeta para facer os Classroom yoga (29), pero había un pequeno detalle e é que a L. dende que era un tapónciño non soporta os pantalóns frouxos, se non lle tocan a perna abaixo di que lle molestan e non acouga con eles postos (en canto acabe de escribir isto ha empezar a poñer só pantalóns frouxos, seino), así que pensei en facer uns Relaxed fit (20), pero ese tiro baixo tampouco lle había gustar, así que decidín combinar os dous patróns: a parte de arriba dos Yoga e a parte de abaixo dos Relaxed. Foi moi doado porque os patróns traen unha marquiña que seguramente sexa para casar as dianteiras e as traseiras pero que eu asumín que era unha marca para o xeonllo, así que unín os patróns por aí, e seguindo as instrucións da revista saiu isto:

relaxed yoga
(si, o que se ve á dereita é o que queda das cortiñas logo de varios encontros cos gatos e o B.)

O Moucho di que parecen dos oitenta, eu pensei que se refería os famosísimos quentadores que volven estar de moda, pero el referíase a cando el levaba os calcetíns por riba do pantalón do chándal!

Por certo, non tiña tea de puños, así que usei un canalé finiño para o dos petos e unha camiseta de canalé de tirantes un chisco máis forte para os puños. A cintura fíxena coa mesma tea.

relaxed yoga

A cintura fíxena seguindo as instrucións, pero xa descubrín que os pespuntes que fixen fan que se vexa moito máis o ondulado que queda todo... teño que intentar mellorar iso, se cadra cosendo os puños coma sempre.
Nos petos fixen unha puntada decorativa para recubrir, pero quedan mellor facendo os petos por adentro como fixo Naii, así que creo que para a seguinte van ser así.

relaxed yoga

relaxed yoga

Cosín unha talla 116 co longo da 122, pero creo que para a próxima vou facer unha talla máis para que lle duren un pouco, que estes vanlle xustos, nun par de meses escapáronlle, a ver se me deixara suxerirlle dobrar os puños co longos que son...

Esta fotiño dde agasallo, porque se quixera argallala non había saír na vida, pero a improvisación sempre ten cousas boas.

relaxed yoga

xoves, 21 de agosto de 2014

Pantalón en 10 minutos

Alá por abril (abril!!) fixen un pantalón para o B. e lembreime de falar del porque o outro día rachou logo de darlle uso todo o verán (este verán tan noso que estamos tendo), así que agora está na pila de amaños, que é a que vai máis lenta sempre.
É longo pero é fresco e faise en NADA de tempo porque está case todo feito e só ten dúas partes: a dianteira e a traseira.
As instrucións son coller unha camisa de home, e cortar unha dianteira e unha traseira baseándonos nun pantalón que xa teñamos, baixándolle o tiro sen medo e abrindo as pernas en ángulo para darlle oco ó cu xa que non leva forma. Creo que saiu ben por ser a primeira vez, así que non volvín intentalo por se acaso. Ademáis como escollín unha camisa de raias e non quería que as raias se visen raras nas pernas apenas abrín ángulo ó cortar a tea, e así a todo funcionou á perfeción.

pantalón B

pantalón B

Como vedes, con case nada temos un pantalón con detalles: botóns no tiro diante e un peto (da camisa tal cual). Eu fun tan galvana que nin sequera cosín os puños das pernas. A intención era meterlles un elástico, pero fíxenos tan xustos que por pouco unha perna non entra, así que deixeinos tal cual sen rematar.

pantalón B

pantalón B

As fotos son da estrea en abril, co B. máis pequerrecho.

luns, 11 de agosto de 2014

De como fun a unha comuñón vestida con roupa de miña nai e máis da miña filla

Todo comezou alá por maio. Fixera unha chea de vestidos para a L. e ningún para a Z. que o certo é que non é tan propensa a usalos, pero no verán pensei que non estaría demáis que tivese un. E lembreime daquela tea de anduriñas e flores tan bonita que mercara no mercadiño de verán na costa... era un panel e quería que se vise todo o seu estampado sen estragala, así que acabei facendo un vestido tipo "funda de almofada", pero con forro e unha gomiña na cintura.

O problema foi que a Z. non lle gusta nada probar e a min gústame moito improvisar e tirar para diante. As únicas fotos que teño, de feito, son estas sen modelo dentro e o pobre Moucho termando da percha, agardando ser repetidas.

vestido anduriñas

vestido anduriñas

A comuñón era no medio das vacacións e non iamos estar na casa, e por riba houbo que marchar antes do que pensabamos por un imprevisto e as nenas non estaban, así que eu imaxinei os modelos na miña cabeza e pareceume que iamos estar estupendos todos. Para máis tensión aínda ocorréuseme deixar a bolsa coa roupa na casa de miña nai mentres nós marchabamos a 100 km ata o día antes. 
E chegou o día antes e a Z probou o vestido e dixo que non lle gustaba... como lle ía gustar, pobre! A tea era un algodón de verán sen ningunha caída e esa goma facía que parecese unha bola a parte de arriba. O caso é que non tiñamos máis roupa... pero entón probou este vestido que ía levar a L. e quedáballe mallado, incluso a única chaquetiña que atoparamos para a L uns días antes e que lle era un chisco grande, á Z. quedáballe perfeta. A L. quedou conforme en emprestarllo e ir coa roupa que levara para o día seguinte. E eu, que esquecera as sandalias e ía ir cunha saia ata o chan nun día que daban choiva a todo meter, probei o vestido da Z coas súas anduriñas e entrei dentro! Como lle ía gustar un vestido no que cabía eu? 
Miña nai emprestoume unhas mallas azuis e coas sandalias de conducir (que non quito en todo o verán) alá fomos de comuñón todos con indumentaria máis ou menos improvisada.

de comuñón

Creo que lle subirei un chisco a goma da cintura, que se me quería ir á cintura seguido e subíaseme, e igual lle abro abaixo os laterais, pero queda para min porque é xenial ata para dar teta: ó ter goma tamén no escote é moi cómodo para sacar a teta por arriba ;)

Está visto que os homes desta casa téñeno máis claro e non se complican tanto :D