Páxinas

sábado, 23 de maio de 2015

+ (máis) rematada!

cruces negras

Por fin!!! Por fin fago as fotos, porque rematada estaba dende hai un par de meses. Coma sempre, intentaba ter unhas fotos chulas, pero vendo que o momento de sacala da casa pasear coa cámara de fotos e os nenos non se producía... ó final un día que o Moucho estaba fora na horta traballando pedinlle que ma aguantara un minutiño e saqueille un par de fotos. O fondo non é o que quixera, pero vese, non?

Faláravos desta colcha hai tempo noutra entrada e o quilt que me serviu de inspiración foi este de Red Red Completely Red. Pero omo vedes ó final fixen modificacións: as miñas cruces son máis grandes, están todas organizadas en filas en colunas ben aliñadas, utilicei o verde e o negro xunto cos claros como base e engadín unha cruz ó revés que case é o que máis me gusta... como unha sorpresa ó final.

cruces negras

Sabía que esta ía ser a nosa manta de verán para o sofá, temos os sofás de pel e no inverno usamos unhas peles de ovella para sentarnos e non notar o tacto frío, pero no verán pareceume que estaría ben usar a mantiña que queda preciosa toda á vista... aínda que realmente nunca está estirada. Por iso, porque sabía que estaría no sofá e non nunha cama, quería que a traseira fose de franela e atopei unha preciosa que lle ía perfecta: nun verde acedo e cun motivo xeométrico que se repetía en branco... pero era dunha tenda de patchwork e para a traseira custaríame máis de 70€,... así que fun pola opción barata e busquei unhas sabas de franela de oferta, por 10€. Logo de cosela tirábame dos pelos, porque aínda que a lavara antes por se acaso, a saba tinguime todo o plástico da máquina de laranxa co roce (arghhhhh), aínda que parece que os danos non foron máis aló, non ten un tacto suavísimo de manteiga coma a outra, porque apenas ten peliño, peor tampouco ten o tacto frío, así que segue a ser axeitada para taparnos no sofá.
A realidade é que non se ve nunca colocadiña como quedaría tan mona, máis ben vese así:

cruces negras

Polas noites vou ós poucos rodeando as cruces cun acolchado a man en fío verde, e a idea era tamén facelo no interior das cruces con fío negro, pero apenas se ve, e non sei se será necesario reforzar esas costuras, que era polo que o facía en realidade. A verdade é que mentres facía o acolchado a máquina dábame moita rabia como estaba a quedar porque primeiro rodeei as cruces e logo fixen raias horizontais, e en moitos puntos ó xuntarse as liñas a tea quedou algo fruncida... pero tanto como me molestaba cando a estaba a coser doume conta agora que non ten a máis mínima importancia porque a usamos a diario e eses detalles non os volvín ver.

cruces negras

E como resultado do uso diario, aquí a temos, o que vén sendo unha mestura de pelos de gato...

cruces negras

... pintura...

cruces negras

...e chocolate.

cruces negras

(nas súas diferentes versións)

cruces negras

Aínda que a conclusión é que nin o branco é o máis axeitado con nenos, nin o negro o máis axeitado con gatos... a min encántame! :)

cruces negras

NOTA: Cos restos que me sobraron estou estes días facendo outra mantiña de bebé... en canto estea lista amósovola, porque creo que vai quedar tamén ben chula.

mércores, 13 de maio de 2015

I love animals

Resulta que meu irmán, despois de ver que o pantalón e algunha camisola eran ben aproveitadas decidiu facer unha limpeza a fondo do armario e chegou a nosa casa un paquete con dous pantalóns máis (uns xa foron aproveitados no momento, só temos que subirlles uns vinte centímetros :D) e un monte de camisolas. Logo de probalas todas o Moucho quedou máis ou menos coa metade e quedoume isto para reciclar:

camisolas

Así que estaba decidida a facer camisolas novas en serie para a Z., que é a que máis fata delas ten... e case desespero.

Collín unha lisa lila e noutro momento de lucidez pregunteille se quería que lle puxesemos algo, pensando en facer a silueta dalgún animal, unha cousiña rápida. E ela dixo que si, que quería facer un esquío, así que fíxome un debuxo ben completo e logo pediume que fose facendo as partes de distintas cores... adeus á produción en serie!

05052015-IMG_4231

Ela mesma se encargou de recortar as partes, ir buscando teas da cor que lle parecía axeitada na caixa dos miniretallos, calcando a forma nas teas e recortándoas. Teño que dicir que isto debeu ser toda unha motivación porque a maior non ten moito gusto polas manualidades que digamos.

Ó final pasei toda unha mañá e parte da tarde cosendo e facendo detalles do esquío. E rematei. pero entón decidiu que quería que tivese recheo, así que descosín e metín recheo. Agora si.

05052015-IMG_4235

Peeeero a voa Olga tróuxonos un paquetiño de letras para pegar coa prancha e que ademáis combinaban perfectamente con esta camisola, así que a dona dixo que quería que puxese I love animals...

06052015-IMG_4241

E por fin a caisola de media hora puido ser estreada logo de 3 ou 4 días para facela.

11052015-IMG_4305
11052015-IMG_4304

Por desgracia, logo dunha mañá de uso perdeuse o l de animals e a metade das letras volveron medio despegadas, así que agora teño que sacar tempo para repegalas coa prancha de novo e repasalas a máquina para que aguanten.

 A camisola é o patrón número 28 da Ottobre 1/2014 en talle 134, aínda que non creo que poida utilizalo moito máis para reutilizar camisolas porque é un talle grande xa para recortar a tea dunha peza das camisolas do meu irmán.

luns, 11 de maio de 2015

Me Made May: pantalón brother

O  Me Made May é unha iniciativa costuril que anda dando voltas polos blogues e que consiste en facer propósito de poñer a roupa que fas. Eu apenas teño roupa feita por min para min, porque fago máis para as nenas, pero algo si que hai.

Pero antes de amosarvos o que puxen; que é ben pouco, en parte porque eu só adoito usar un par de mudas á semana, e logo ando con roupa "de andar por casa", e en parte por iso de que non teño moita roupa feita por min; vouvos amosar o que fixen.

Lembrádesvos daquel pantalón que me deu meu irmán? Logo de amañar o roto do cú descosín toda a cinturilla e máis os laterais das perneiras ata os xeonllos... e logo deume tanta pereza poñerme a refacelo que estivo máis dun mes pendurado na silla onde me sento a coser sen que o tocara.

Pero en canto me puxen...

brother brother
brother
brother

E creo que se convertiu no meu pantalón favorito: é ancho e cómodo, non necesito poñer cinto, e como ten puños non se molla se chove!

A miña versión dos pantalóns boyfriend que andan polas tendas é o pantalón brother ;)

E aquí o está xunto con esa chaqueta de raias que non a fixen eu pero feita a man, pola miña avoa cando estaba no instituto, e que segue a encantarme.

mmm2015

Esta semana puxen tamén esta chaqueta que fixera hai tempo (levo xa un par de anos que non me apetece nada de nada tecer, e creo que en parte é porque non poño apenas as cousas tecidas).

mmm2015

luns, 4 de maio de 2015

Blusa fina

Resulta que entre os cinco humáns que somos nesta casa contamos as camisas que temos cos dedos dunha man... e posiblemente nos sobren 4, pero hai unha integrante da familia en concreto que hai tempo que amosa certa predilección polas blusas, camisas ou demáis prendas de tea plana con botóns, e ademáis gusta de abotoalas ata o derradeiro botón.

A min non me fai ilusión ningunha, pero a ela si, así que merquei un retallo dunha tea de algodón suaviño en Retales Gloria e dispúxenme a facer o patrón 31 da Ottobre 1/2014 en talle 128.

blusa
blusa
blusa

Quédalle mallada. E Creo que ata me gusta, porque o estilo da propietaria é especial, e non hai máis que ver o accesorio que colleu para a sesión de fotos, unha maqueta dunha guitarra eléctrica que recén acababan de montar ela e o Moucho.
Eu tiña pre-escollidos uns botóns malvas de camisa que sabía que había no meu bote de botóns, pero logo dunha trifulca, para despistar a unha das partes e calmar os ánimos pedinlle á L que viñera escoller os botóns para a súa camisa, e escolleu estes nacarados de distintas cores pastel cun neno nun deles e tigres no resto que me tocaran nun sorteo hai anos. Ó principio case me arrepentín de preguntarlle, pero agora gústanme.
Como novidade conseguín que funcionara o prensateas automático para facer ollos para os botóns, e aínda non sei por que nunca consigo que o faga, de feito creo que o conectei e fixen probas unhas 8 veces antes de conseguir que funcionase, pero é moi prático, só marcas un par de mm máis grande da medida do botón e fai o ollo automáticamente. E ademáis, isto si que foi novidade novidosa, cosín os botóns á máquina, que me daba un medo horroroso por se partía as agullas todas e ó final non era para tanto. Deixei un cabo máis longo para enrollar na base e rematar e quedaron perfetos.

blusa

En canto dei a última puntada púxoa e xa non a quitou en dous días, ata que a manchou de chocolate e lla fixen quitar, así que está confirmado que se quero que poñan a roupa que fago teño que facer a roupa que queren.

sábado, 2 de maio de 2015

Gatiños

Lembrades a KWC? Eu tiña grandes plans para a semana de coser roupa para os nenos, pero vese que os víruses tiñan plans máis grandes ca os meus, que aínda estamos aquí, quince días despois, arrastrando a terceira caída encadeada...

Este pantalón cosino hai tempo e está xa máis que estreado (e si, aínda ten fíos colgando porque o estreou en canto saiu da máquina e logo xa non tiven paría a quitarllos, aix!), pero non tiña fotos para amosarvos, ó final esta semana ó volver do cole fíxenllas de calquera maneira na casa.

A tea de gatiños merqueina a petición da L. un día que a levei de recados comigo. Parecíame un horror porque non só eran gatiños, é que eran cadrados superpostos e non silueteados, pero merquei o anaco máis pequeno que puiden que fose aproveitable e prometín facerlle con ela unha camisola. Logo foi pasando o tempo e useina un par de veces na súa colcha, pero a camisola non acababa de chegar, así que cando vin que necesitaba un novo pantalón de chandal e ela me preguntou cando ía facerlle a camisola do gatiño decidín aproveitar para facer o que necesitaba e máis o que quería e pequei uns cantos gatos onde ela me pediu: no xeonllo, abaixo e nos petos.

chandal gatiños

chandal gatiños

chandal gatiños

O patrón volve ser a mesma mestura dos Yoga pants cos Relaxed fit da Ottobre 1/2014 no talle do que lle fixera a Z (teño que mirar cal era porque non lembro se o 128 ou o 134) pero cos puños máis curtos.

Son un exitazo.

chandal gatiños