Gústame ver como medra o pelo. Non me refiro a mirar para el a ver se o vexo aumentar nun momento, eh? :P Refírome a cando o corto. Gústame como vai cambiando e convertíndose noutro peiteado diferente, pero sempre hai un momento no que estou indecisa entre volver coller a peladora na man ou deixalo medrar, a ver que pasa. Nunca se sabe o que pode pasar, ás veces dáme o arrebato e outras consigo vencelo e logo simplemente o tempo vai pasando... estou pensando que é a mesma sensación que con outros impulsos, por exemplo á hora de mercar algo, cando sinto que TEÑO que mercalo xa, e se non o merco logo deixa de ser necesario...
Estou nese momento, e non sei o que vai pasar, pero sei que na última semana houbo cinco persoas que me dixeron que cambiara de peiteado, e a verdade é que é certo, nótoo, pasou de ser borroka a anime (non sei se polo tamaño desmesurado das patillas ou das orellas), ata semella que me sairan rizos e agora mesmo vese... non sei, raro?
Unha das consecuencias de querer facer de perruqueira na casa e non ter nin idea é que van pasando cousas que non sabes como amañar, e menos na túa cabeza, que xa é difícil cortar o pelo coas mans cara arriba, sen gafas e sen ver a maior parte da zona onde está o pelo,... pero tamén pasa que se non tés claro o que queres pensas que o que che vaia facer outra persoa non che vai gustar, así que é posible que se desta vez o cabelo segue medrando sexa porque non tiña nin idea de que facer con el.
Ás veces cando vexo unha melena loooooonga gústame e apetéceme tela, pero se consigo deixalo medrar un pouco, en canto noto que me cae a puñados, que se me enrolla polo corpo mentres me ducho, ou que teño que dar xabón en catro fases, xa non aguanto máis, non teño paciencia.
Gústame cambiar o pelo, pero conforme vai pasando o tempo creo que me vou restrinxindo máis: xa non o tingo porque non quero agochar as miñas canas, e cando o corto tiro para os mesmos estilos... a vós tamén vos pasa? Ou sodes desas persoas que aguantades toda a vida co mesmo corte de pelo?
Eu confésoo, son incapaz.
NOTA: Outro día igual podía ducharme, poñer unha roupa que non sexa a de andar por casa, cambiar o obxectivo, poñer a cámara no trípode, cambiarlle a pila ó remoto e facer unhas fotos ben feitas, non trepidadas, nin desenfocadas... pero é o que hai, así que vai ter que valer.
NOTA2: Ostras! Agora que me vexo creo que empeza a parecer que teño os anos que teño :P