Páxinas

martes, 30 de xuño de 2015

City Gym shorts

Ó final a semana pasada foi ben produtiva. Cosín bastante, aínda que non me deu tempo de poñer aquí o que fixen e algunhas cousas non puiden rematalas.
Dende logo o éxito desta temporada son os shorts feitos con este patrón de balde de The Purl Bee, os famosos City Gym Shorts. Ademáis están en tallas de nena e de muller, así que vou intentar coser uns para min.
O ano pasado fixen uns pantalóns de atletismo cunha forma semellante a estes improvisando dende outro patrón, pero á Z quedábanlle xustos e imprimindo estes non tiña que calcar o patrón e volver refacer as pezas, que é o que máis odio, así que fixen estes primeiros cunha tea que merquei nos retais e que resultou un pouco rara, tiña un pouco de elasticidade ó ancho, pero resulta que a tea traía o estampado (que me encanta) en horizontal en lugar de en vertical, total, que a elasticidade da tea non a aproveitei porque cortei o pantalón o revés para aproveitar o estampado. Supoño que era unha tara (?).

city gym shorts
city gym shorts
city gym shorts

Fíxenlles petos, pero coido que apenas se ven, fíxenos un pouco altos de máis, pero a man éntralle perfetamente e teñen cabida, sempre me pide petos nos pantalóns,
A Z. necesita bastante de tiro así que fíxenos no talle 11, pero quedaron grandes, así que os seguintes tiñan que ser máis pequenos.
Si, xa sei que a camisola non pega cos pantalóns, e díxenllo, pero ela dixo que lle daba igual, así que así vai, coa súa peculiar maneira de vestir :)

city gym shorts 

martes, 23 de xuño de 2015

Camisola reciclada

Onte cosín a miña horiña da KCW, pero non rematei ningunha prenda, e hoxe a estas horas coido que voaron as miñas oportunidades de coser, así que vou facer trampa e amosar cousas que teño feitas e que ainda non puxera por aquí.
Co mesmo patrón nunha peza que aqueloutra dos animais, outra camisola reciclada para a Z.

a raias

Gústanme os pequenos detalles que van quedando: o resto do pescozo abotoado da orixinal, unha asimetría nas raias e esa etiqueta cunha definición que cambiei de sitio para a conservar

luns, 22 de xuño de 2015

Paxaros e flores

Cando comezou a facer calor e collemos a roupa de verán do ano pasado a Z. intentaba meterse nun vestido que lle encantaba e que lle quedaba pequeno, era de algodón finiño verde e con papagaios e flores, así que cando vin esta tea de flores crin que podía ser unha boa sustituta. É moito máis floreada e os paxariños e as bolboretas van camuflados entre tanta vexetación, pero están. Amoseilla e gustoulle, así que fíxenlle unha copia do vestido.

vestido paxaros e flores 
vestido paxaros e flores
vestido paxaros e flores
vestido paxaros e flores
vestido paxaros e flores

Está encantada co seu vestido. E eu tamén de que lle guste.

vestido paxaros e flores

xoves, 11 de xuño de 2015

Por fin un RUMS! Petos postizos

A primeira vez que participo nun RUMS (xoves de amosar algo feito para min mesma) e por suposto non é unha prenda de roupa, pero está cosido, así que igual o seguinte é unha prenda de roupa.

Teño moitos pantalóns que non teñen petos, con eses normalmente uso a chaqueta, unha sudadeira con petos canguro, para meter as chaves do coche, un pano usado, un papel ata que atopemos a papeleira máis próxima... pero teño esperanzas de que chegue o verán e non levar chaqueta, e ademáis últimamente estiven a usar algunhas chaquetas herdadas de meus irmáns e que non teñen petos, así que decidínme inspirada por unhas faltriqueiras de O Sol de Inverno e fixen a miña versión.

petos postizos

Cun peto sinxelo de bolsa e o outro máis seguro, con cremalleira

petos postizos
petos postizos
petos postizos

Por atrás pódese regular, na tenda onde merquei o peche de clic só lle quedaba esa peza para regular a lonxitude da correa, non é a que necesitaba pero ben valeu. Se fago máis teño que buscar noutro sitio a ver se atopo as pezas axeitadas.

petos postizos

Usando retallos soltos diferentes e coloridos, xa teño os meus petos postizos para usar todo o verán ou o inverno coa roupa sen petos :)

petos postizos

mércores, 3 de xuño de 2015

Friqui finde

Todo comezou o venres. Atopei nunha caixa de "material escolar" unha libreta miña na que apareceu o tesouro: 30 follas de sms do ano 2000 transcritos a man! Foi gracioso que en canto o compartin co mundo apareceu tanta xente dicindo que era unha friqui e que estaba tola, coma xente que me dicía que fixera o mesmo... ese foi o pistoletazo de saída dunha fin de semana un chisco diferente.

sms

Gústame cando descubro que todos somos friquis, aínda sen querer, seguro que temos algún gusto ou costume que para a maioría da xente é unha rareza, ó final non somos distintos, pero somos diferentes, igual de raros cada un coas súas particularidades.

Logo veu o descubrimento do Camiño a Mordor de Tres Pompones e, pese a reticencia inicial, e o convencemento de que non vou facer semellante cantidade de quilómetros (2863!!!) nun ano, resulta que me apeteceu, e cos días de solete que me pillan agora síntome animada a gastar un pouco de tempo cada día camiñando. Xa o dixen moitas veces, que boto de menos de vivir na cidade ir camiñando facer cousas: a algunha actividade, a mercar, a casa de alguén,... aquí non hai nada que facer andando agás ir pasear, sen outro propósito, pero de momento os días animan, así que vou intentar facer o meu propio reto:
 - ver canto tempo me leva camiñar ese porrón de quilómetros,
 - dos zumes do desafío orixinal vou pasar olímpicamente,
 - e intentar sacar de paseo a cámara grande, porque estes días estiven vendo cousas preciosas e non quero que se queden no camiño.

flores de paseo
árbore

O sábado logo da descuberta do desafío, e aproveitando que as nenas marcharon para estar "sen ninguén que nos mande", é dicir, sen nós, fomos camiñando a Bandua Wargames, unha tenda de xogos á que lle tiña ganas dende que a descubrín. Tiña ganas de ir a algunha das súas noites de xogos, pero nunca temos posibilidade de ir, así que este sábado, que había un torneo de Krosmaster e un de Magic, achegámonos coa sorte de que o B. durmiu unha sesta de dúas horas no carriño, e os rapaces deixáronnos xogar unha demo de Krosmaster, e para meternos o vicio no corpo mandáronnos a casa con dous bonequiños... e funcionou!

krosmaster

Gústanos xogar, pero non temos parella de xogos (nin tempo nin oportunidade), nin xogos para dous (adultos) e ós que consigamos acabar unha partida, así que últimamente estamos á busca de xogos ós que poidan xogar as grandes e que non nos aburran ós maiores (aínda que é posible que o B nos boicotée as partidas), ou xogos rápidos para dous. Creo que este que probamos, coas regras máis básicas pode ser bo candidato... e coñecemos algúns máis que imos deixando na recámara para cando merezamos un premio.

E o domingo pasamos a tarde con amigos e cunha partida eterna de Munchkin, e cando estabamos apunto de rendernos e pensar que era un xogo que non tiña fin... rematou! 

Sentoume ben facer algo que me gusta con xente que me gusta. E claro, quero repetir canto antes!

Hai cousas que botades de menos por falta de tempo, ou de ocasión, ou de xente? O bo de estrañalas é que fan moita ilusión cando se fan!