Páxinas

luns, 30 de marzo de 2015

Coser cousas raras IV: carriño novo

Desta vez penseino un bo rato porque o carriño debe estar seguramente nas últimas. Os ferros están dobrados e a tea que traía de asento estaba rota e manchada, e por algunha estrana razón viña amarrada de maneira que non podía quitarse do carro. Ó final decidín que por moi maltreito que estivera, se aínda estaba en uso logo de polo menos sete anos, ben pagaba a pena investir media hora en facerlle unha roupa limpa que o faga aguantar en uso o que lle quede de vida, así que a nova, feita cun retallo calquera e con restos de bies doutros proxectos en varias cores, é totalmente extraíble, por se aínda nos dá tempo a que se manche antes de que o carriño se descompoña.

carriño
carriño
carriño

Non atopei un só sitio da casa con luz e que estivera libre de cousas... estou devecendo por facer unha gran limpeza de primavera e lanzar a metade das cousas fora... serei quen? Tendes algún truco ou norma para desfacervos das cousas? Eu cada vez noto que me estorban máis, que me comen enerxía, pero non son quen de desfacerme delas por se... e teño que amañalo.

luns, 23 de marzo de 2015

Roto

A fin de semana pasada déronme uns vaqueiros por se quería facer algo con eles. Tiñan un roto enorme no traseiro, pero gustábanme, así que decidín amañalos. Primeiro pensei en facer o remendo con sashiko, pero ó final sempre me poden as presas, así que fíxeno coa máquina e cun fío branco, buscando o contraste para que se vise ben.

roto
roto

Xusto ese día no blogue de Elsie Marley publicaba o novo reto do creativity club, que era remendos visibles, e eu cumplira o reto xusto antes de que o publicaran! Por unha vez íame dar tempo, ha!

Agora viña a segunda parte. Os pantalóns son de home, e quédanme un chisco grandes... na liña boyfriend que se ve nas tendas. Curiosamente non teria mercado un deses pantalóns nas tendas, pero se mo dan, e ademáis teño que amañalo, parece que me dan máis ganas de poñelo.
Así que agora descosinlle a cinturilla e pensaba descoser tamén a costura lateral para meterlle un pouco, e logo ocorréuseme poñerlle un elástico na cintura no canto de volver coser a que traía, pero logo repenseino, e igual é mellor meterlle unha goma por dentro a esta mesma... a ver se consigo facer algo que acabe sendo medianamente poñible sen ter que desfacer todo o pantalón.

roto
roto
roto


É gracioso que non dea mercado uns vaqueiros porque non teño paciencia para probar e atopar uns que me gusten e que me guste como me sentan, pero logo son capaz de poñer calquera cousa que me dean...

Veremos se consigo amosárvolos en uso, algún consello?

mércores, 18 de marzo de 2015

Pequeno drama doméstico

A semana pasada, non sabemos moi ben como, desconxelóusenos o conxelador do combi. Supoñemos que o apagamos sen querer e sen decatarnos porque había días que non o abriamos, e de súpeto abrímolo e atopamos as cousas frías, pero totalmente desconxeladas. O único que se salvou foron unha bolsa de chícharos conxelados sen abrir e os meus botiños con moras e arandos para os biscoitos, o demáis, en bolsas, xacía nun leito de auga de cores, cheiros, e procedencias variadas.

Cos chícharos fixen a primeira crema de chícharos da miña vida, e cun dos botes de amoras fixen un biscoito do típico biscoito de iogur de toda a vida... pero no canto do azucre usei panela, e en troques de 3 medidas usei 2... e sabía a pan. Non había doce por lado ningún.

Así que aproveitando o drama e máis o fallo culinario, ocorréuseme facer un xarope de froitos do bosque, pedinlle consello a Marona, pero á hora de poñerme a facer a marmelada pareceume moito azucre (3/4), así que botei a ollo algo máis da metade do que ela me dixera, e logo ademáis engadínlle auga, tamén a ollo.

xarope
xarope
xarope

Foi o complemento perfeto ó pequeno drama doméstico e ó fallo culinario.

Cando collín de novo o meu 50mm a semana pasada namoreime de novo do seu bokeh... e esquecera por que deixara de usalo. Agora ó ver as fotos no ordenador lembreino de novo: maldito front-focus! É tan molesto! Irritante! Frustrante! :(

o mundo

Encántame cando boto o cacau no leite e vai caendo e mesturándose pouco a pouco e formando estas paisaxes na superficie.

martes, 17 de marzo de 2015

Flores para Eleni

Levo anos seguindo a Rachel de Stitched in color e hai un par de semanas tivo á súa terceira filla, Eleni, que naceu con parálise cerebral. Houbo un par de iniciativas de amigas virtuais, organizouse unha subasta en instragram para recadar cartos (aínda hai alguén que non sabe a sorte que temos de ter unha sanidade pública? Non deberían roubárnola :( ) e unha petición de flores de hexágonos para facerlle unha mantiña de florespor parte de Jodi de Tales of cloth.

Esta foi a miña primeira vez de paper piecing e a miña pequena contribución. Internet terá cousas malas, pero outras moitas boas, como darlle un chisquiño de apoio a unha persoa á que non coñeces.

Flores para Eleni
Flores para Eleni
Flores para Eleni

Agora teño que facer tres flores máis a petición das nenas "para poñer na porta cando é primavera", téñoas xunto ó sofá para facer polas noites mentres me sento un ratiño co Moucho ver algunha serie. O malo é que sempre van xurdindo cousas novas que facer, e onte a esas horas xa estiven destroxzando un pantalón que me deron a fin de semana... sempre ahai máis ideas ca tempo.

Flores para Eleni
Flores para Eleni


venres, 13 de marzo de 2015

Bruxa!

Hai pouco a L. declarou que a súa nova cor favorita era a negra, e xogando na bañeira, onde a parede é negra, preguntou: "Sabes por que agora me gusta o negro? É que mira que ben queda así." E achegoulle a peza dun xoguete do baño do seu irmán que era de cor fucsia.
Sorpréndeme sempre dende ben pequena o sentido da cor que ten, é como se as cores lle falaran, coma se as entendera, ogallá puidera absorber iso dela.
Total que había que facer algunha camisola e optei por esa combinación: negro e rosa-morado, a Z. dixo que parecía de bruxa así que quédalle o tíulo oficial de camisola de bruxa.

Bruxa
Bruxa
Bruxa

Á agulla dobre que merquei hai pouco coido que lle vou sacar pouco partido, prefiro facer os pespuntes con este zig-zag ancho, creo que quedará para cando corte e suba camisolas de tea non elástica.
O pescozo no patrón orixinal era con bies, pero eu fíxeno cunha tira cosida coma sempre, e eliminei a cremalleira traseira. Puños extra longos que non lle convencían nada á rpopietaria pero que logo lle encantaron e que creo que fan moito na camisola. Igual é o que máis me gusta dela.
Nun dos petos leva a modo de etiqueta un anaco dunha cinta-pulseira das monster high que lles regalara alguén hai un par de veráns.

Bruxa

O patrón da Ottobre 1/2014 é o modelo 22, en talle 128 que agardo que nos dea para rematar esta temporada de mangas longas e comezar a do curso que vén.

mércores, 11 de marzo de 2015

Galicia 1936

Atopei esta xoia grazas ó paideleo, e non quería deixar de compartilo. Sae a tasca do liño, e pallozas!


As cousas cambiaron moito, pero a voz en off faime pensar que unha parte non cambiou tanto...

Teño pena por un documental sobre a escola en Galicia ó que non sei dende onde cheguei hai xa moito tempo e que non conseguir volver atopar. Víase a vida dura que levaban os nenos antes. Neste caso a protagonista era unha nena orfa de nai e cun irmán con algunha minusvalía ó que coidaba coma se fose a súa nai, ademáis de encargarse do traballo da casa e os animáis. Ía á escola e lembro que dicía que lle gustaba porque garantía a comida para ela e seu irmán...

E lembro tamén ás mestras dicindo que os nenos tiñan "un grave problema de bilingüismo", do que xa imaxinaredes cal era a parte problemática. Supoño que sería da posguerra pero a verdade é que non o lembro. Fanme pensar na vida que levaban meus avós, que andan algo pachuchos pola idade e ós que quero moito.

A ver se podedes atopalo porque me parecía outra xoia e eu non son quen, e non quería perdelo. Para lembrar o difíciles que eran as vidas dos pequenos non hai moito tempo, todos os dereitos que se foron conseguindo con traballo e loita dos nosos, pouco a pouco e o fácil que parece agora que os perdamos...

................................................................................................

NOTA: Atopado por Mari, moitas grazas! Dos anos setenta e en cor. Aquí vos queda, para compartir :)

martes, 10 de marzo de 2015

Lagarto fit

Para rematar a tea usei o que quedaba de ambas sudadeiras para facer un pantalón. Cando estaba a facer a chaqueta xa pensei en facer o pantalón e a miña idea inicial era facelo no verde máis escuro (máis sufrido) e poñerlle uns picos nos laterais semellantes á crista da carapucha, pero cando me puxen a facelos vin que calculara un pouco mal, a tea verde escura dábame para unha perna, así que decidín facelos igualmente en dúas cores.

Nas fotos de hoxe vese mellor o punto ese de celas que usei para recubrir as costuras e que o apunto como favorito, ata agora usara puntos de remallado da máquina ou puntadas decorativas de debuxiños a petición das usuarias, pero este queda xenial.

Relaxed fit
Relaxed fit
Relaxed fit
Relaxed fit
Relaxed fit

A el gústanlle moito, sobre todo polos petos, pero ademáis débenlle ser cómodos. A min gústame máis como sentan por atrás que por diante, que fai unha bolsa un pouco rara entre as pernas. Pero en calquera caso creo que lles daremos moito uso xa que vexo lle gustan.


Relaxed fit

Aquí tendes ó mozo vestido de lagarto de arriba a abaixo.

Esquecíame, o patrón é o relaxed fit da Ottobre 1/2014, o número 20, creo lembrar.  En talle 92.

Só teño dúas revistas da Ottobre, a 1/2014 e a 4/2014 e son bastante completas, entre as dúas hai mallas, camisolas, sudadeiras, chaquetóns, vestidos,... sácaselles moito partido, aínda que non descarto mercar algunha máis adiante para completar talles para a maior, xa que os modelos para nenos grandes dáme a sensación de que son máis escasos e máis elaborados, aínda que é probable que se lles saque menos partido se non queren roupa cosida por mamá... iremos vendo.


xoves, 5 de marzo de 2015

Lagarto lagarto

Un día achegueime ó centro comercial entregar un paquete e, a perdición dos centros comerciais, paseime mirar se había algo interesante nas rebaixas. Total, que do que ía buscando non había nada, pero namoreime dunha chaqueta de dinosauro que por riba non estaba rebaixada e cheguei a casa con ela. E entón veu a culpa: "Xa te vale! Sen ser de rebaixas, de sudadeira sintética que dá grima tocala, e por riba na casa tés xusto sudadeira en dous verdes, igual que a chaqueta." Devolvina.

E fusileina.

Fixen unha copia cun patrón da Ottobre.

dinosauro
dinosauro
dinosauro
dinosauro

Cousas:
- usei por primeira vez para recubrir as costuras o punto que parece celdas dun panal e encántame como queda, non ondulou e queda bastante uniforme.
- teño que praticar coas cremalleiras: aprendín que non é necesario deixar marxe de costura no centro dianteiro porque o que lle comes á dianteira ocúpao a cremalleira e se o deixas (como fixen eu) o pescozo queda abertísimo, por riba quedoume moi exposta e o remate arriba pódese mellorar bastante.
- a crista do dinosauro queda ladeada porque non cortei a tea en curva (porque non me quedaba apenas tea!)
- para os ollos, os dentes, e o forro da carapucha usei camisetas na sección de recliclaxe do armario das teas (si, teño un armario das teas, sigh).
- o cordón da carapucha é dos restos de trapillo que andan por casa.

O patrón é o 16 da ottobre 1/2014, a do lagarto, agora non a teño a man e non sei o nome.
As teas de sudadeira son os restos dos vestidos das nenas, sudadeira da pantigana, e os puños tamén.
Teño que comprobar o talle que fixen, xuraría que o 92, pero as mangas son xustas e a carapucha enorme, pero a el encántalle porque lle tapa o sol (agora a ver se sae moito para sacarlle partido ;) )

Remateina xa antes do entroido, na semana da KCW, pero non me deu tempo a facerlle fotos (e as de hoxe tampouco son moi alá para que a vexades, pero é o que hai) así que tráiovola agora.

E esta foto de regalo para que vexades o limpo que está habitualmente este cristal da nosa casa e vos sintades ben, ale :D

dinosauro

luns, 2 de marzo de 2015

Bolsas para o pan

Encargáronme un par de bolsas para o pan, así que fixen estas con esta tea de algodón que imita liño, con costuras francesas para que non haxa ningún fío por dentro (como odiaba iso nas bolsas do pan! Bueno, aínda o odio.) e con algúns retallos para enfeitar.

Unha máis seria e outra máis alegre. Pero ó estar coa primeira pareceume que quedaba un pouco sosa e ocorréuse probar a escribir coa máquina o primeiro que se me pasou pola cabeza: "pim... pan!"

bolsa pan
bolsa pan

Na segunda xa tiña claro que levaría algo escrito, queda moi chulo e é divertido!

22022015-IMG_3491
22022015-IMG_3493
22022015-IMG_3494

E fóronse directas a A despensa do avó Francisco, se aínda non a coñecedes, tedes que pasarvos por alí, está chea de cousas ricas e de xente boa :)

Por certo, hai tempo que fixen unha páxina de facebook para que a xente que coñezo e que non ten blogroll se enterara de algo do que poño de cando en vez, supoño que ós que vindes por aquí non vos fai falla, pero se queredes estou alí tamén en Da Tartaruga.