Páxinas

venres, 18 de setembro de 2015

Camiña para can

Á volta das vacacións o mes pasado tivemos unha sorpresa das malas e tivemos que despedirnos inesperadamente da nosa Galla. Ou a miña Galla. Bótoa de menos e aínda que non era perfeta, era especial, eu era a súa humana favorita, e ela era a miña cadela preferida.

04072015-IMG_5194Cando estaba tiña claro que non necesitaba un novo can, era abondo coa intendencia diaria dunha familia de cinco humáns máis dous gatos. Pero entón de súpeto faltou, e eu pensaba en volver sair e non me vía saindo eu soa camiñar... as nenas querían un can co que interactuar máis e... pareceu que todos estabamos dacordo en volver ter un cadelo na casa. Logo de falalo entre todos tiñamos decidido que sería femia, mediana, que se levase ben con nenos e gatos, adulta nova e que non se parecese a Sacho nin a Galla, como condicións importantes... logo fomos á protectora e aceptamos levarnos un cachorro en acollida para cumplir o desexo das nenas dun bebé e calmarnos mentres buscabamos a compañeira definitiva, pero a condición de que baixo ningún concepto se quedaría na casa, sería só temporal. Entregáronnos un cachorro de máis ou menos mes e medio que chegou ó albergue sen máis irmáns nin a nai...

ORKI

Seguro que todos sodes máis listos ca min e sabiades que ía acabar quedando. Eu tiña TAN claro que non ía ter can cando Galla faltase, e máis claro aínda que cando tivera un NON ía ser un cachorro, que me crin forte, crin que podería ter un cachorro en acollida como adoitaba facer anos atrás cando estudiaba, e obviamente errei.

O cadeliño (cachorro, macho, e branco e negro, coma Galla) quedouse. Agora chámase Martes.

martes

E Martes apareceu un día deitado na mantiña do B., coma o can de Posie gets cozy e entón tiven unha revelación: imaxinades que teño un can que non come as camas?

martes manta

O día que non sexa un cachorro e confirme que efectivamente non destroza as camas teño grandes ideas en mente, de momento baleirei un par que coxíns apemazados e abrín ben a fibra e xuntei uns restos de teas que había na casa.

Debín pensar un pouco máis antes de facela, pero construíla por partes pareceume máis rápido ca facer un cubo plano e ilo enchendo, e tamén fallei, porque despois tiven que coser á man porque era imposible meter a base na máquina con semellante volume para coser ós laterais. 

Mentres o cosía á man púxeno enriba da mesa e resultou irresistible para outros dous.

camiña para Martes
camiña para Martes

Se a fixera para eles non se había deitar nela, pero non a fixen para eles, fíxena para Martes e entón pasou isto:

camiña para Martes

que prefire deitarse nese estoxo minúsculo dos gatos. XD

Ten fallos, o fondo ten moito volume e escórrese para os laterais, e os lateris non quedaron nin tan altos nin tan consistentes coma eu pensaba, así que non fan moito de paredes coma eu pretendía. De momento vaina usando, así que vou pensando como modificala cando xunte ganas para que funcione como esperaba.

martes

Ía poñer que non teño ganas de coser, pero coido que o máis axeitado é que non teño inspiraciíon, porque cando a teño, fago cousas coma estas aproveitando uns intres mortos cada día.

Non sei se volverei ter a mesma sensación de sair pasear con el, e non sair pasealo, que tiña con Galla, é difícil de explicar, sei que hai cousas que cura o tempo pero tamén que hai bichos que son especiais... e sígoa botando de menos.