Páxinas

venres, 26 de decembro de 2014

A febre dos coxíns

Levo tempo soñando con camas ateigadas de coxíns e sofás cheos de coxíns... un mal pasaxeiro e sinxelo de aplacar. O caso é que tampouco vou á velocidade do raio, so rápido que se fan uns coxíns novos e eu paso meses ata que fago unha funda. O caso é que un día decidínme e no canto de coser calquera outra cousa que tiña a medias fixen estas fundas novas.

coxíns

Coa tea que sobrou de facer a hamaca fixen unha funda tipo almofada, cun extremo dobrado, coa idea de acabar axiña e máis de que fose rápido de desenfundar... pero o recheo non era o máis axeitado e a abertura quedaba moi aberta, así que finalmente deille un par de puntadas para pechala.

estrela

Para a outra fun á tenda de teas á busca dunha tea un chisco resistente, que non fose moi finiña, e acabei traendo estas estrelas. Seica teño algún tipo de obsesión coas estrelas porque na tea do outro coxín a flor tamén ten forma de estrela. Para este xa decidín que merecía a pena adicarlle cinco minutoas máis, así que púxenlle cremalleira e quedou moito mellor.

máis estrelas

Levan xa un par de semanas de uso, así que non están impolutos, pero polo menos libraron da plaga que atacou a (que eu saiba) tres dos outros coxíns da casa e que fixo que á gatiña gardapixamas le saira un derrame nun ollo... 

derrame

O Moucho está desexando que me pase esta tolemia dos coxíns porque pasan a maior parte do día no chan, agás cando quere deitarse no sofá, que entón ten que quitalos todos, jijiji, pois aínda teño dous recheos ós que facerlles fundas, e non sei se se me pasará polo momento.

Non sei que febre será peor, se a que me ataca a min, ou a que ataca ós pobres coxíns ;-P

luns, 22 de decembro de 2014

Máis toalliñas

As toalliñas de lactancia son o agasallo estrela para recén nados: son útiles e son bonitas. Para poñer no hombreiro quen os pon a arroutar logo de comer, ou para poñer baixo a súa cabeciña cando están deitados e limpar o que regurxitan.

toalliñas de lactancia

Estas foron do último encargo, e unhas marchan para Italia! Que ilusión que as miñas toalliñas viaxen polo mundo! Pero mellor aínda é saber que lles gustan ás mamás e papás que os reciben.

toalliñas de lactancia

Desta vez, co seu permiso, aproveitei un dos innumerables deseños da L. para enfeitalas un pouco, e quedaron moi chulas! Creo que o farei máis veces.

luns, 15 de decembro de 2014

Robots e extraterrestres

De cando en vez teño algún encargo. Case sempre son para bebés, toalliñas de lactancia e mantiñas sobre todo.
Desta vez a rapaza que me fixo o encargo quería unha mantiña de velour ou nicki coma unha que xa me mercara hai tempo para facer un agasallo e que fora un éxito, así que escolleu esta tea de robots e pareceume que irían ben para acompañala uns extraterrestes-monstros desta tea que me quedaba na casa en forma de toalliñas de lactancia.

mantiña toalliñas

mantiña

mantiña

Esta semana levei un chasco: fun á mercería onde merco sempre esta cinta para facer as etiquetas e a que tiñan xa non era de algodón, era sintética. A muller da tenda dicía que cada vez pechaban máis fábricas e éralles máis difícil conseguir material, e que ademáis xa non había cousas de algodón, polo menos de algodón 100%. Tiven que levar outra cinta lisa que non me gusta nada e moito máis estreita. A ver se consigo nalgures esta cinta con "v" que non sei como se chama en realidade...

Estas fotos son xa do mes pasado, pero lembreime delas porque fixen algunhas toalliñas máis estas últimas semanas e non lles fixen fotos. O último encargo aínda non saiu da casa, a ver se o rexistro antes de mandalo coa súa destinataria.

E non me esquezo da colcha, está rematada xa pero aínda teño que facerlle unhas fotos en condicións, e co tempo que fai, o grande que é, e o pouco que dura a luz, aínda non tiven ocasión... tiven unha visión de onde podería facer as fotos, pero necesito un axudante... adulto, así que seguimos agardando, pero xa vola amosarei.

mércores, 3 de decembro de 2014

A outra case Lou

Quedábame por amosarvos a outra case Lou, a primeira que fixen, para a Z. Usando o patrón base da sudadeira verde de estrelas desta Ottobre, que creo que lle senta xenial á receptora.

case lou II

Non vos falara dela porque o outro día colocando o armario vina alí e decateime de que non a puxera nunca, a súa resposta foi que lle gustaba, pero para poñer os sábados, o que creo que quere dicir claramente: Mamá, dáme vergoña que os meus amigos me vexan con iso.
Unha mágoa, porque me encanta, pero totalmente entendible, non? Os pantalóns son de novo unha mestura dos yoga pants e os relaxed fit, e seica tampouco os puxo soltos porque prefire levar "o conxunto". O que se di un chándal completo. O que máis lle gusta agora mesmo é un chándal do decathlon do que ten toda a humanidade igual e que herdamos dunha amiga hai pouco.

Esa fin de semana estreouna, supoño que máis por contentarme que outra cousa, pero aproveitei para facer unhas fotos rápidas na rúa mentres baixabamos ver a avoa Olga, cargados de bolsas e sen tempo nin espacio, así sairon as pobres.

case lou II

case lou II

Agora estou pensando se a gardo ata que a L medre... e seguramente non queira usala tampouco.

Seino, seino, teño que comezar a coser máis para min e deixalas a elas tranquilas...

luns, 1 de decembro de 2014

De lúas e estrelas

Esta tea era un retallo grandiño pero o estampado tiña fallos, así que non se aproveitaba moito. Ó principio pensara en usala combinada cunha tea azul para as mangas, pero logo cambiei de idea e aproveitei toda a tea para a camisola porque é dun punto gordiño que non ten dereito nin revés (quitando o estampado, claro). Será isto o famoso interlock?

lúas e estrelas

lúas e estrelas

lúas e estrelas

Cando merquei a tea a vendedora xa me advertiu que era preciosa para un pixamiña, porque se ten lúas e estrelas ten que ser para un pixama, non? Pois non. E ademáis converteuse nunha das miñas preferidas porque a tea é tea de verdade, cada vez téñolle máis teima a esas camisolas das tendas con tea babosilla que case dá grima tocalas... está provocándome un efecto rebote de "canto máis gorda mellor".

O patrón é o de sempre, a flashback skinny tee de Rae, e a tea un retallo de tendas locais.