Páxinas

venres, 27 de febreiro de 2015

Avións

Case iguais as camisolas. Ésta foi a outra tea que estaba xunto coa de semáforos, non é nada habitual atopalas, as ilustracións son moito máis bonitas que as da outra, e as dúas son de algodón con algo de elastano.

avións
avións
avioóns

Outra Flashback tee en talle 2anos.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Semáforos

O outro día entrei mirar as rebaixas na tenda de teas e xusto ó entrar había dúas teas de camiseta infantiles xuntiñas. Logo só atopei outro punto negro liso de camiseta, e tamén o collín porque sempre boto en falta os lisos para combinar.

Coas teas fixen camisolas para o B, e estou pensando se convertir unha das teas nun pixama, pero para casa non necesitamos de momento, así que sería para ter cando imos a casa dos avós... voulle dar un pouco de tempo mentres o penso.

semáforos
semáforos 

Gustaríame ter tido un vermello, verde ou amarelo para non usar sempre este azul ou negro para os puños, pero aínda segue a quedarme e xa vos digo que nunca teño lisos para combinar. Algún día coas teas que me quedan nas mans terei que facer unha compra de lisos nalgunha tenda online, porque se sigo agardando que aparezan na tenda física non os vou ter nunca.

Fixen a flashback tee de sempre, porque me gusta e porque teño o patrón cortado. Das outras veces sempre lle deixaba marxe dde costura ó cortar ó patrón, pero logo e pensar nun comentario que me fixo naii de que a ela si lle cadraban as mangas no patrón iluminóuseme a bombilla: a que vai ser que como é americano, o patrón vén cos marxes incluídas?

E debía ser porque a camiseta quédalle máis como se supón que lle ten que quedar... peeeeero a min paréceme xusta.

Non sei se as que cosedes vos pasa isto. Eu creo que a roupa que se cose debe quedar algo grande, polo tempo que leva facela e o rápido que medran os pequenos, facer roupa xusta que lles dure unha ou media temporada (que é ó que estamos afeitos coa roupa que mercamos) sempre me parece que é un malgasto. Pero logo pode ser que a roupa acabe chea de manchas ou buratos antes da temporada seguinte, ou que non queiran poñela porque lles queda grande... así que igual estou errada e non compensa.

As que cosedes para os pequenos cosedes grande ou xusto?

Facer as fotos saltando na cama igual non foi a mellor idea para amosar a camisola, pero fixemos moitas fotos chulas e pasámolo ben :)

semáforos

martes, 24 de febreiro de 2015

De que vai este blogue e unha historia



Cando tiña o blogue familiar as cousas saíanme soas, estaban en todas partes, a todas horas, compartir a miña vida familiar era moi sinxelo. Logo deixeino, pero botábao de menos, e estiven un tempo mascullando o de facer un bloque para min. Ó final decidínme e aquí o está.

Noite

Pero non é o que eu pensaba. Crin que falaría de moitas cousas ademáis de amosar as que facía, pero non o consigo. O meu día a día resúmese en facer as cousas de cada día, xa sabedes: lavadoras, comidas, limpezas varias, levar nen@s daquí para aló... A miña vida social é prácticamente inexistente, en parte supoño que porque son moi caseira e en parte porque non atopo o tempo nin á xente, e ó non traballar fora da casa hai días que non vexo a ninguén nin falo con ningún adulto máis aló do Moucho. E o certo é que, máis aló das miñas costuras, que é polo que me deu agora, non atopo nada máis do que falar aquí. Supoño que neste momento da miña vida xa non existo sen a miña familia, calquera cousa que me pasa pola cabeza ou á que lle dou voltas adoita telos a eles de protagonistas.

solpor

Pero dáme rabia porque eu non pretendía que isto fose un blogue-escaparate de cosidos, e ó final é no que se convertiu.

Hoxe para variar vouvos contar unha historia para que vos fagades unha idea de como son máis aló da idealización que tendemos a facer co descoñecido. As fotos xa vedes que non teñen nada que ver, pero como unha entrada sen fotos a sinto inacabada, pois van algunhas só para enfeitar.

lusco-fusco

(que dramático quedou todo, non? Fotos incluidas. Prometo que non foi conscientemente.) 

Pois a historia é a seguinte: xa vos contei que hai moitos días ue non saio apenas da casa, pero hai outros que teño que facer recados e adico a mañá a andar por aí dun lado a outro, este foi un deses días. Erguinme e non puxen a "roupa de andar por casa" senón que xa vestín o chandal que puxera o día anterior "de vestir". Acompañei ás nenas para ir ó cole, volvín a casa almorzar, e logo saín ó hospital (poñer unha reclamación por unha cita para hai dous meses que aínda non temos), percorrín o HULA, que pequeno non é, e logo marchei ó super facer a compra. Unha hora dando voltas polos corredores collendo cousas ata encher o carro. Volvín á casa facer o xantar, comemos e saín pitando para levar á L. ás súas actividades, e cando ía sacar o pé fora do coche de novo, noto algo molesto no nocello, miro cara abaixo, e alí, asomando pola perna do meu pantalón estaba... un calcetín! Máis concretamente o calcetín que puxera o día anterior con eses mesmos pantalóns. Logo de camiñar medio Lugo o calcetín decidiu asomar no coche na intimidade... imaxinádesvos que vou camiñando por calquera sitio dos que andei todo o día e o calcetín decide escapar da miña perna? No medio de hospital: señora, que lle caeu un calcetín!!! XDDD

O moucho di que xa sabe por que temos tantos calcetíns desparellados, andan espallados polo mundo logo de que eu os sacara de paseo metidos nas pernas dos pantalóns. :D

O peor de todo é que mentres quitaba o calcetín da miña perna rindo, fun tocar a outra, e alí estaba tamén a súa parella aínda agachada agardando asomar a cabeza.

Ale, agora xa vos facedes unha idea mellor de como son, va que si?

na casa

luns, 23 de febreiro de 2015

Para "bebe"

Bebe é como o B. chama ós bebés. Agora téñoo difícil para coser cando el está esperto e non están súas irmás, porque descubriu onde está o botón de acender e apagar a máquina, e cando non quere que cosa vai alí e plas! O caso é que me fixeran un encargo dunha mantiña para un bebé e quería tela lista antes do entroido para poder levala persoalmente, así que expliqueillo e, ás veces, sentábase comigo e deixábame coser un par de minutos máis mentres sinalaba e dicía "bebe".

Facer cousas por encargo é difícil! Escollín as teas e pensei en facer con elas un deseño de cruces cos típicos cadrados, ata fixen un debuxiño nun papel coas cores máis ou menos das teas, e cando llo amosei á persoa que mo encargou vin que non lle emocionaba, así que lle dixen que tiña que gustarlle, que se había algo que non lle convencía que mo dixera, e díxome que non lle convencía que vía cruces. :DDD No momento botei a rir, polo menos quedaba claro que había cruces... pero logo púxenme nerviosa porque tiña que facer algo que lle gustase sen saber o que tiña na cabeza e sen que ela soubese o que tiña eu.

Ó final decidimos facer un deseño desordenado, que lle gustaba máis. E isto foi o que saiu.

bebe1
bebe2
bebe5
Con cores alegres e moitas teas diferentes para darlle ese aspecto un pouco caótico.

O acolchado fíxeno con paralelas asimétricas e ademáis de cores! Na canilla deixei o fío branco para que a traseira quedara máis brancquiña.


bebe3
bebe4


bebe7
bebe6


Penseime un rato con que facer o remate, e ó final decidín que o mellor era o branco para que enmarcara esas teas coloridas, e cunha esquiniña en verde para darlle un toque especial.

Por sorte parece que quedaron contentos tanto os clientes como os destinatarios finais... falta por saber se lle gustará ó bebé.

bebe8

xoves, 19 de febreiro de 2015

+ (máis)

Un día atopeime con esta foto por internet

quiltcrucesnegras
Encantoume. E quixen facer ese quilt. Gardeina xunto con estoutra que estaba na mesma entrada e que tamén me gustou moito.

quilttriangulos
Obviamente as fotos non son miñas, son de Astrid, do blogue Red Red Completely Red e saqueinas desta entrada no seu día, pero hoxe non se vían, así que pedinlle permiso para usalas directamente no meu blogue.

Eu daquelas aínda andaba a voltas coa colcha da L, así que non podía poñerme con outra cousa nova, a ver se a remataba concentrando todas as miñas forzas nela, pero hai pouco volveu poñer unha foto moi semellante no instagram e eu xa tiña a colcha rematada, así que alá fun!

Fixen unha cruz se non ese día, ó día seguinte,...

+

... e logo xa non puiden parar de facer estas cruces.

+++++

Non traballar con retallos, como viña sendo o máis habitual en min, ten cousas boas e cousas menos boas. As boas: as teas córtanse moito máis rápido e tamén se cosen máis rápido ó telas xa preparadiñas, ademáis podes escoller as teas máis fácilmente, pero o malo é que se perde un pouco a base da reutilización das teas e que se producen máis retallos aínda... gústame pola rapidez, porque cunde moito máis o pouco tempo que me dá para coser.

Tívena un pouco parada últimamente porque estiven facendo encargos (e aínda non os rematei!) pero xa teño ganas de volverlle poñer as mans enriba. 

Vai quedar tan bonita... :)

sábado, 14 de febreiro de 2015

Xabón líquido caseiro para a lavadora

Levamos anos facendo xabón co aceite usado que gastamos e só engadindo sosa, e un par de anos máis polo menos que tiñamos intención de facer xabón líquido apra a lavadora porque o certo é que as pastillas só as usamos para fregar algunha mancha antes de meter na lavadora, para lavar a man algunha prenda, ou para fregar os cacharros e a cociña. Houbo unha temporada que intentamos relalo, pero era inviable, así que para a lavadora simplemente non o usabamos. Durante un tempo mercamos en grupo a Jabones Beltrán, e gustábannos, pero logo cansámonos ou non sei ben que pasou e deixamos de facelo. eu tiña fichada unha receita para facer xabón líquido directamente do aceite, pero de 5 litros de aceite saían uns 17 de xabón se non lembro mal, e ademáis necesitaba dunha elaboración de varios días, remexendo varias veces... non nos dabamos posto, e eu non quería pensar en onde iamos gardar os 20 litros de xabón se xa nos custaba gardar os 5 de aceite.

Pero entón un bo día a amiga Bolboreta Calceta puxo no seu instagram que estaba a facer xabón líquido simplemtente desfacendo unha pastila de xabón lagarto en auga, e eu pensei: iso poderá funcionar tamén co noso xabón caseiro, así que levamos uns meses de proba e vainos moi ben.
A fórmula é un pouco improvisada: unha das nosas pastillas de xabón (que vén sendo coma media de xabón lagarto), cortada en anacos para que se desfaga antes e dous litros e medio de auga. Quentar ata que se desfaga e deixar que ferva.

O aspecto inicial é como o Jabón de coco de Jabones Beltrán. Póñovos unha foto-cutre para que vos fagades unha idea:

xabón líquido

Pero xa vai un par de veces, non sei se porque tardamos demasiado en usalo, ou polo frío, que se nos queda convertido nunha masa branca mucosa. Nós axitamos a botella onde está gardado enérxicamente e usámolo exactamente igual, e non apreciamos diferencia ningunha no lavado, pero avisados estades. Enchemos o cacharro este tal que así aproximadamente e metémolo no tambor por se acaso.

xabón líquido
xabón líquido

Xa que a información chegou a min, que agora chegue a alguén máis a quen lle sexa útil. Xa contaredes.

xoves, 12 de febreiro de 2015

Para ir á montaña

Estiven calada pero non estiven parada. Cosín algunhas cousas rápidas e outras menos rápidas.

Sei que as bolsiñas para aperitivos parecen feitas para levar a merenda dos nenos, pero en realidade a primeira que me encargaron vina nunha montaña de man dunha adulta e sei que algunha marchou para outra adulta e co mesmo fin. Os adultos e adultas tamén tomamos aperitivos/merendas máis aló dos restos que deixan os fillos, non nos escondamos, e tamén nos gusta levalos en bolsiñas monas. Fixen estas poucas e algunha máis para cumprir cuns encargos e que as poidan levar á montaña de excursión.

bolsiñas

E como a cousa vai de ir á montaña, vouvos amosar outro encargo que me fixo o deportista da casa: quería algo fino que non lle molestase co casco da bici e que lle tapase o frío da cara cando anda por aí correndo ou na bici de noite coa xeada...

Bueno, mellor dito, colleu unha braga miña das de marca, daquelas primeiras que apareceron hai... non sei, quince? vinte anos? e cortouna! Dixo que un día pola mañá tiña frío na cara e que se tapaba a cara non daba tapado ben a cabeza, así que tiven que demostrarlle que se mo pedira podía terlle feito algo máis axeitado.

... un pasamontañas!

Faime gracia o nome, a vós non? Pasa-montañas. 

pasamontañaspasamontañas

A tea é un polar moi fino que merquei nos retais, e que ademáis ten un tacto super suave, e quedaría xenial con eses tons azuis que ten e os ollos do Moucho, pero ides ter que perdoar as fotos cun neno nun brazo e case sen luz á última hora da tarde, todas trepidadas, síntoo. Pero xa vos facedes unha idea do ben que lle queda.

Saquei o patrón daquí e simplemente o fixen máis grande a ollo, tanto no longo, separando as dúas follas do patrón, coma no ancho, ampliando por atrás. E tiven sorte e quedou ben. 
Cosín as costuras planas para que non lle molestasen ó deportista co seu casco, e no remate do furado para os ollos puxen un chico de FOE que merquei nunha mercería da cidade e que aínda non tivera ocasión de utilizar. 

Total, en resumo, un exitazo ;)

martes, 10 de febreiro de 2015

35

35
35
35
35

Cada ano fago unha foto o día do meu aniversario neste espello do baño. Este ano recén levantada nótase ben que as lentes novas non disimulan nada as "ojeras de nai". ;-)
Xeada entre a néboa ó erguerse e un sol radiante o resto do dia. Unha cegoña, unha tarde sen extraescolares para ir ó parque cos pequenos e un final de día tranquilo.

Boa maneira de chegar ós 35.