Páxinas

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Bolsas para aperitivos

Durante unha finde cos amigos pedíronme se podía copiar unha bolsiña para aperitivos que trouxeran de Estados Unidos, ó botarlle un ollo vin que era unha bolsiña sinxela, co interior de nylon e o exterior de algodón. Engadinlle unhas cintas para abrir a modo de tirelos porque me pareceu que co peche de velcro non era moi doado abrilas.

Miden uns 18x18cm e estas catro non teñen dono, así que se alguén as quere están á venda por 6€ cada unha.

bolsas aperitivos


peras foraperas dentro

indio foraindio dentro

cadriños foracadriños dentro

nenos foranenos dentro

bolsas aperitivos

luns, 19 de xaneiro de 2015

Coser cousas raras III: Reutilizando

Hoxe vouvos amosar dúas parvadas rápidas feitas reutilizando.

O primeiro foi un estoxo que fixen cun plástico que mercara hai anos para unha pizarra e que non resultou, e co último resto que quedaba do pantalón de pana que me fixera miña avoa e que usei para recompoñer aquel chaleque do Moucho: a cremalleira. Fíxeno xusto antes de marchar da casa uns días e con virus rondándonos. Quería algo para meter os medicamentos, que por sorte, como non os utilizamos nada a miudo, sempre os deixamos na casa. Non me quedou moi grande, así que quedou máis ben para os cepillos e o termómetro, que ían metidos ó chou no neceser.

estoxo cepillos

bolsa cepillos

A outra foi unha bolsiña que fixen esta mesma mañá. No Nadal os maiores tivemos tamén un xogo de agasallo, necesita que se usen marcadores, pero non os trae na caixa. De momento só conseguimos xogar unha vez, e a pesar de estar nunha cociña non atopabamos nada que non rodara pola mesa, así que fun a unha tenda multiprecio e merquei unhas fichas. Hoxe pola mañá na casa collín un resto de tea dunha camisa e unhas cintas desas que lles poñen ás camisolas babosas das tendas para que non se lles escorran das perchas, e lista unha bolsiña para os marcadores que cabe dentro da caixa. Así non deixamos ó azar o tema dos marcadores a vindeira vez que os astros estean en liña e poidamos volver xogar os adultos ;P

bolsa munchkin
bolsa munchkin
munchkin

luns, 12 de xaneiro de 2015

A colcha da L

Por fin vola veño amosar xa rematada! Dous anos a pouquiños e un megaempurrón final para rematala non no seu aniversario, pero si antes de rematar o ano.

Para celebralo sacámola fora e fixémoslle fotos fora da casa, pero deille a cámara á miña axudanta maior e esquecín cambiar o modo de disparo, así que están todas desenfocadas. Aínda así, só polo esforzo que levamos aquí están as fotos.

colcha L

colcha L

colcha L

colcha L

colcha L

Vedes que para a traseira utilicei unha tea enteira que me regalara miña nai cando soubo que estaba a facerlle a colcha á L., é de cor gris e de lonxe non se aprecia pero ten un estampadiño que semella de ovos fritidos coa ema rosa. Pero non me chegaba, así que engadín un par de anacos doutra tea tamén agasallo da avoa Olga, esa rosa cos floripondios, pero que tiña unha kokeshi enorme que non quería que fose na colcha, así que reserveina inicialmente para facer un coxín, pero é posible que a destine á traseira dalgunha manta de bebé. O outro anaco é dunha das famosas teas de Ikea que a verdade é que me gusta moito como queda. Danme ganas de usala tamén coma traseira enteira para outra colcha... sempre coso tanto na miña cabeza...

Para o bies decidinme a usar retallos, así que hai rosa, lila, vermello, raias rosas e brancas e unhas flores que se ven na última foto e que creo que pegan co carácter da miña L.

Na penúltima foto vese o acolchado final, pasando a dianteira xa acolchada e con boata, máis outra capa de boata e a traseira. Tiven algúns contratempos no proceso, por exemplo:

- tiven que librar o cuarto da costura un chisco para poder extendelo no chan, e como alí está a guitarra e máis o ordenador do Moucho, e cada paso do proceso lévame uns cantos días coas interrupcións e demáis, pois tíveno un pouco castigado ó pobre.
Iso si, logo tiven moita axuda, coma sempre.

hilvanando o bocadillo con axuda

- Cando ía colocar os imperdibles decateime de que non os tiña. O ano pasado fixemos unha incursión nunha feira de artesanía cunhas amigas (na que non vendemos nada XD) e no traslado perdín a caixa con TODOS os meus imperdibles. Quen tivo narices a poñerlle imperdibles de nome?
O caso é que tiven que hilvanar á man e case perdo os dedos ata que lembrei o truquiño da culleriña. Como as tres (catro) capas están pegadas ó chan, axuda para sacar a agulla facer presión cunha culleriña xusto por diante de onde sacas a agulla, e en canto sae a punta fas panca con ela para levantar a agulla e collela mellor.

o truco da culleriña

Logo trasladeime ó salón para manexar mellor a tea e xa foi todo coser e cantar ;)

preparado para acolchar

acolchando

Agora queredes ver como queda xa posta no seu sitio?

A habitación onde durmen as nenas foi sempre a habitación azul, pero no verán repintamos (maís ben repintouna o avó Tito cun pouco de axuda dos pequenos) e as Tartarouchas escolleron a cor de cadansúa parede, eu tiña medo do que ía sair daí pero resultou que escolleron un verde e un lila que quedaban moi chulos xuntos.

colcha L

colcha L

Á hora de planchar as costuras, desta vez fíxeno con todas cara un lado e non abertas ó medio como dicía o libro orixinalmente, pero quedan moito máis avultadas ca as da colcha da Z, supoño que en parte por iso e en parte porque a súa boata era sinténtica e ocupaba moito menos. O que sí me dá máis seguridade é que o acolchado non vai só por riba dos fíos, senón que atravesa a tea dos cadrados pola parte de dentro, e co peso que ten paréceme importante.

colcha L

colcha Z

Eu vía xa o cuarto rematado, mercara uns marcos para expoñer os debuxos da L na súa parede e pensaba poñer na da Z algunha lámina chula para acompañar ó seu paxariño, e entón, un par de semanas despois de rematar a colcha a mediana deciciu independizarse. Non foi por nada en especial, pero chegoulle o momento e quixo marchar para un cuarto ela soa, así que agora ando a pensar no momento no que o B. queira saír da nosa cama, se o convenceremos (e a algunha das súas irmás) de compartir cuarto, ou se terei que ir pensando onde vou trasladar todos os meus trebellos e teas que invaden a habitación agora mesmo...

A ver se me dá tempo de vos amosar as melloras que fixemos tamén no cuarto da costura no verán, antes de que teña que abandonalo!


luns, 5 de xaneiro de 2015

Estrelada

Xa sei, xa sei, aínda non vos contei da colcha grande que fixen para a L. , pero é que veño de rematar e entregar esta outra mantiña hai pouco e non puiden resistirme a contarvos porque ten moitas novidades para min.

As estrelas xa sabedes que non son novidade. No verán atopei esta tea de estreliñas nunha tenda local e merqueina só porque me gustaba... deille voltas a facer con ela unha camisa con carapucha para algunha das nenas, pero ó final non fixen nada con ela e quedou agardando. Logo da tenda donaron a mesma tea para o proxecto de Kimo-kaps, así que haberá gorriños de estrelas tapando cabezas suaves :)

estrelada

O caso é que tiña esta tea sen usar na casa, e tiña tamén unha amiga das de hai moitos anos, dende o BUP, preñada do seu primeiro bebé. Facíame ilusión facerlle algo, porque os fillos das amigas de sempre son algo así como sobriños postizos, e como eu non teño sobriños, pois emociónome con estes.

A primeira novidade desta mantiña é que merquei teas específicamente para ela. Collín a tea de estrliñas e a súa paleta de cores e escollín. A segunda novidadefoi que fixen unha mantiña de triángulos, porque me gustan, pero tamén porque pensaba en como ía acolchala e nas figuras que se formarían nas interseccións.

estrelada
estrelada
estrelada

Os brancos engandinllos todos na casa porque ó poñerlle só a tea das estrelas na dianteira parecíame que había demasiado contraste coas outras teas, aínda que unha vez rematada teríame gustado que tivese cores máis saturadas, ó meterlle tanto branco quedou moi suaviña para o meu gusto.

Para acompañala fixen un coxín de estrela con tea branca finiña de polar que aínda queda por casa, e outra novidade que leva esta mantiña é que ó rematala laveina e metiña na secadora un pouco. Encántame como queda, supersuave e toda enrugadiña. Vese a diferencia nestas dúas fotos do final comparándoa coas fotos de arriba.

estrelada

estrelada

Vedes a estrela de seis puntas que se forma nas interseccións? Estrelas entre estrelas... só vos direi que lla dei porque debe ser que lle teño aprecio á miña amiga, proque coa miña obsesión coas estrelas, cando estaba rematada, teríame quedado con ela.

Pero a cambio de non quedar con ela tiven a satisfacción de saber que lle gustou, e un piropazo, xa que non lla dei en persoa díxome que dubidaran se a fixera eu ou a mercara porque se vía super profesional. :)

E "bebé" vai ter unha mantiña estrelada. Xa estou desexando vel@!