Páxinas

mércores, 28 de outubro de 2015

Volta ás rotinas

Comezou o cole, e con el a volta ós ritmos que a maior parte dos mortais agradecen, pero eu estaba tannnn bennnn no verán. Outros anos sacabe tempo de facer cousas da casa para coser, pero non sei exactamente que é o que se leva os meus minutos este ano, pero non dou sacado nin un só.

Volveron os madrugóns

madrugóns

As coladas diarias 

coladas

Os cambios de armario, con roupa empantanada pola casa adiante

cambio de armarios

As tardes de taxista

taxi

E este fervello

martes

Nunca se me quedaran curtas as horas do día coma neste comezo de curso. E aínda quedan por vir as tardes escuras e os días de chuvia interminables con neno de case 3 anos ó que lle encanta pisar as pozas, que fai que se multiplique o número de coladas.

Sobran uns minutiños cada noite ós que chego desexando sentar un ratiño no sofá co Moucho (e co B. que case nunca dorme) e vexetar poñendo o cerebro en branco.

É posible que nalgún momento atope un oco para volver coser... e tamén é posible que non. Teño un montón de prendas acumuladas para amañar (cambiar cremalleiras, coser buratos, subir baixos,...), varios proxectos comezados e a medio facer, e uns cantos encargos, dos da casa e tamén de fora. E sigo sumando cousas que me gustaría facer na miña cabeza, o bo que ten a miña cabeza é que está tan chea de cousas que xa ela soíña vai facendo limpeza :D

En ratiños de cinco minutos na semana pasada conseguín ir xuntando os materiais e logo ir cosendo os encargos das Tartarouchas: uns estoxos triples. Usei o tutorial de Pandielleando, porque se non chego a velo no seu día non sabería nin como eran os estoxos en cuestión.

triple flores
triple flores
24102015-IMG_7108
triple ceo

En canto consiga volver facer algo digno de amosarse intento conseguir tempo tamén para vir por aquí amosárvolo, mentres tanto, vivide!

venres, 18 de setembro de 2015

Camiña para can

Á volta das vacacións o mes pasado tivemos unha sorpresa das malas e tivemos que despedirnos inesperadamente da nosa Galla. Ou a miña Galla. Bótoa de menos e aínda que non era perfeta, era especial, eu era a súa humana favorita, e ela era a miña cadela preferida.

04072015-IMG_5194Cando estaba tiña claro que non necesitaba un novo can, era abondo coa intendencia diaria dunha familia de cinco humáns máis dous gatos. Pero entón de súpeto faltou, e eu pensaba en volver sair e non me vía saindo eu soa camiñar... as nenas querían un can co que interactuar máis e... pareceu que todos estabamos dacordo en volver ter un cadelo na casa. Logo de falalo entre todos tiñamos decidido que sería femia, mediana, que se levase ben con nenos e gatos, adulta nova e que non se parecese a Sacho nin a Galla, como condicións importantes... logo fomos á protectora e aceptamos levarnos un cachorro en acollida para cumplir o desexo das nenas dun bebé e calmarnos mentres buscabamos a compañeira definitiva, pero a condición de que baixo ningún concepto se quedaría na casa, sería só temporal. Entregáronnos un cachorro de máis ou menos mes e medio que chegou ó albergue sen máis irmáns nin a nai...

ORKI

Seguro que todos sodes máis listos ca min e sabiades que ía acabar quedando. Eu tiña TAN claro que non ía ter can cando Galla faltase, e máis claro aínda que cando tivera un NON ía ser un cachorro, que me crin forte, crin que podería ter un cachorro en acollida como adoitaba facer anos atrás cando estudiaba, e obviamente errei.

O cadeliño (cachorro, macho, e branco e negro, coma Galla) quedouse. Agora chámase Martes.

martes

E Martes apareceu un día deitado na mantiña do B., coma o can de Posie gets cozy e entón tiven unha revelación: imaxinades que teño un can que non come as camas?

martes manta

O día que non sexa un cachorro e confirme que efectivamente non destroza as camas teño grandes ideas en mente, de momento baleirei un par que coxíns apemazados e abrín ben a fibra e xuntei uns restos de teas que había na casa.

Debín pensar un pouco máis antes de facela, pero construíla por partes pareceume máis rápido ca facer un cubo plano e ilo enchendo, e tamén fallei, porque despois tiven que coser á man porque era imposible meter a base na máquina con semellante volume para coser ós laterais. 

Mentres o cosía á man púxeno enriba da mesa e resultou irresistible para outros dous.

camiña para Martes
camiña para Martes

Se a fixera para eles non se había deitar nela, pero non a fixen para eles, fíxena para Martes e entón pasou isto:

camiña para Martes

que prefire deitarse nese estoxo minúsculo dos gatos. XD

Ten fallos, o fondo ten moito volume e escórrese para os laterais, e os lateris non quedaron nin tan altos nin tan consistentes coma eu pensaba, así que non fan moito de paredes coma eu pretendía. De momento vaina usando, así que vou pensando como modificala cando xunte ganas para que funcione como esperaba.

martes

Ía poñer que non teño ganas de coser, pero coido que o máis axeitado é que non teño inspiraciíon, porque cando a teño, fago cousas coma estas aproveitando uns intres mortos cada día.

Non sei se volverei ter a mesma sensación de sair pasear con el, e non sair pasealo, que tiña con Galla, é difícil de explicar, sei que hai cousas que cura o tempo pero tamén que hai bichos que son especiais... e sígoa botando de menos.

venres, 24 de xullo de 2015

Repoñendo bragas

Bragas

A Z. necesitaba repoñer bragas que ían quedando pequenas, e hai tempo intentei facer un par delas, pero a verdade é unhas quedáranme demasiado cheas de costuras para o meu gusto, e nas outras que fixera con goma, cosida e recosida, quedara tan tesa que non estaba segura de que se me dese ben o das bragas. Pero esta vez cambiei o sistema. As primeiras fíxenas con foe que merquei nunha mercería da cidade aproveitando os restos da tea das ras, e logo resultou tan sinxelo que seguín. Fun aprendendo e mellorando detalles ata que atopei a que creo que é a maneira que máis me gusta.

Empecei con foe en cintura e pernas e cosido con zig zag dúas veces, logo pasei a poñer goma simple normal na cintura e foe nas pernas, e despois pasei a usar a puntada de zig zag con puntadas curtas e a coselo nunha soa costura, tanto a goma coma o foe... aínda que nalgún sitio quedoume sen coser a tea co foe, ups!
Bragas
Bragas
Bragas

As primeiras quedáronme un pouco apretadas nas pernas, pero agora xa sei que con poñerlle ó foe só 1 cm ou dous menos aí quedan ben. E gústame moito o patrón porque é moi recollido, se descubro cal é a miña talla vou probar a facer tamén para min, a ver que tal me sentan.

O patrón é de balde, de Indigo orchid e para muller, pero eu imprimín o patrón ó 90% e fixen o talle s e vaille mallado.
E o mellor son as teas: restos inaproveitables de puntos de camiseta, camisolas vellas, e todo nun remix que fai que queden chulísimas!

Bragas


Xa temos unhas cantas, ademáis deste lote, hai outras tres ou catro máis, xa volas amosarei, aínda que vén sendo máis do mesmo, a semana pasada foi: a semana de coser bragas :)

luns, 20 de xullo de 2015

Unha tanda de pantalóns

A mediados do verán e o B. non puña pantalóns curtos. Pasoume tamén coa L., que de pequena tiña problemas con cómo se sentía a roupa sobre o seu corpo, pasar de mangas longas a curtas, ou de vestidos a pantalóns podía ser un drama. Ó B. ten as mesmas sensacións, así que non apeaba os pantalóns longos, e o único "fino" que tiñamos por aquí neste verán extrañamente caloroso eran pantalóns de velour imitando panilla, máis un par que xa fixera con tea de camiseta, así que decidín facer algún máis deses rápidos para poder usalos canto antes.

Pantalóns sinxelos
Pantalóns sinxelos

Seguro que adiviñades logo da entrada anterior: foi rematalos e comezar a poñer os pantalóns curtos, sempre pasa. Pero teñen moita vida por diante.
O mellor de todo foi que coas presas, ó facer os segundos, cortei dúas pernas esquerdas, así que para aproveitar a azul que sobraba ocorréuseme cortalos onde a perna comezaba ser recta, e con iso facer os puños... e sabedes que? Un éxito, agora son os meus favoritos, non descarto facer algún máis.

Pantalóns sinxelos
Pantalóns sinxelos


O patrón é o núm. 5 da Ottobre 4/2014 e as teas son de tenda física.

NOTA 1: Ó final decidín seguir poñendo as fotos no flickr coma sempre xa que teño capacidade ilimitada e do outro xeito non, a pesar do rollo que supón copiar os códigos e pegalos en html, que se non non me van...
NOTA 2: Por riba acabo de descubrir que se pincho nalgunha das etiquetas cámbiame o tipo de letra!!! Por que este blogue me cabrea tanto? Nunca tivera tantos problemas en calquera das plantillas que usara antes. :(

xoves, 16 de xullo de 2015

Camisola reciclada

O B. ten unha raglan azul e branca que me gusta moito, así que intentei copiala, saquei o patrón e fixen o que puiden cunha das camisolas do meu irmán.
Conseguín aproveitar a parte de diante, pero non houbo maneira de facer o mesmo na parte de atrás que acabou con medio lema (non moi axeitado) na traseira da camisola.
Pero eses non foron os únicos fallos: o pescozo... ejem un pouco ondulado e desbocado (xa vos dixen algunha vez que odio os pescozos con bies de punto? Pois odio os pescozos con bies de punto), e as mangas, que na orixinal estaban rematadas con remalladora sen máis remateinas cun zig zag... e creo que tería sido mellor non facerlles nada e deicar que o punto se enrollara un pouco sobre si mesmo.

E agora isto é o que pasa ás veces cando queres sacar fotos da prenda posta:



que non che dá tempo máis ca unha foto cutre por detrás antes de que teña que ir para a lavadora.

Por certo, solucionado o tema das fotos, e ademáis con dúas solucións para escoller:

 - dende flickr, grazas a Catuxa xa sei que parte do código hai que cortar. Cando copiamos o código vemos que comeza cun signo de "menor" e un "a", se cortamos todo o que hai despois dese "a" e ata o "http" xa temos a foto sen marco.

 - dende o blogue, engadimos as fotos sen máis, eu sempre as subo nun tamaño grande pero a pouca resolución, se se suben no tamaño exacto que queremos amosar no blogue podemos darlle a tamaño orixinal,  e xa está. Eu intentei subilas do tamaño enorme que o fago sempre, e cambiar o tamaño indo ó HTML e poñendo o que me interesa, no meu caso uns 800 de ancho e o que lle corresponda proporcionalmente á imaxe, pero deume a sensación de que a imaxe perdía resolución (efectivamente perden moita resolución: fixádevos nas partes enfocadas ó pinchar a foto e vela en grande... en pequeno directamente no blogue parece que non houbera ningunha zona enfocada, nada ten nitidez... haberá que seguir indagando)
Agora queda decidir que método usar.

Cando comecei a usar blogger, alá polo pleistoceno, o espacio que daba para almacenar fotos era moi limitado e se subías fotos en cada entrada enchíase enseguida, así que comecei a usar Flickr, de maneira que as fotos estaban aloxadas alí, onde o espacio era moito maior, e ademáis así no blogue tardaban menos en cargarse.
Hoxe o primeiro problema xa non o é, porque supoño que as fotos se aloxarán en picassa e xa non hai problema de espacio, pero non sei se afecta á velocidade coa que se cargan. A vantaxe de subilas directamente ó blogue é que ó pinchar nelas pódense ver máis grandes.

Agora a pregunta: tardan máis en cargar? Segue compensando subilas ó Flickr?

Agradecería a vosa opinión, as fotos de hoxe están subidas directamente ó blogue, e de paso vou ver se teñen menos calidade.

NOTA: Ups! Di a axuda de blogger que o espacio para fotos é:
"Número de imágenes: hasta 1 GB del espacio total de almacenamiento, compartido con la web de Picasa. Si has conectado tu blog con Google+, tus fotos se guardarán en Google Fotos. Allí dispones de 15 GB de espacio de almacenamiento, compartido con Gmail y con Drive."

mércores, 15 de xullo de 2015

Raglan de ras

Para a Z., sen ter aínda o anaco grande que mercou a avoa, utilizamos o que sobrou da tea das ras para facer unha raglan, con ras só por diante, verde nas mangas e negro por atrás.





O patrón foi o raglan naii e teño que ir mirar o talle que non me lembro.

Últimamente estou a ter algúns problemas coas puntadas en teas de punto de camiseta, e non me pasara nunca antes, creo que en parte é polo tipo de tea, porque ata agora apenas usaba puntos con elastano, pero non teño moi claro unha cousa: as agullas stretch son as mesmas que as ball point? 
Teño que comprobar se é porque as agullas están gastadas ou porque teño que usar stretch e non ball point, fun pedilas á tenda de máquinas de coser e dixéronme que para teas de punto só tiñan as ball point, que serían as mesmas, así que non o teño claro.

Hoxe metín as fotos directamente no blogue e non no flickr porque aínda non indaguei como se quita ese marco que decidiron poñerlle ás fotos, pero o tamaño de foto extra-grande queda bastante pequeno para o meu gusto... Bah, estas cousas desanímanme, houbo unha época en que non me importaba pasar tempo indagando e fozando para amañar estas cousas, pero agora o tempo non me chega a nada e non quero botar horas nisto, pero tampouco me gusta o aspecto que ten non botándoas. Se alguén quere facelo por min, eu encantada.

venres, 10 de xullo de 2015

City Gym shorts III

Os últimos desta tanda. Esta vez un talle menos para a L. e quédanlle mallados. Esquecinme completamente dos petos (!) aínda que a idea sempre foi poñerllos igual ca os outros dous pares. O peor é que só me decatei hoxe ó verllos postos.

city gym 3
city gym 3

A tea é o mesmo liño que utilicei nos da Z. Fíxenos tamén na KCW e conxuntados cunha blusa na tea de floriñas do bies que aínda non estreou, así que non teño fotos.


NOTA: Fantástico, e agora como se quita ese marco do código de flickr das fotos? :(

martes, 7 de xullo de 2015

Pequena Jane

A fin de semana ataquei a tenda de teas, había moitos puntos de algodón, así que volvín á casa coas mans cheas e intentando combinalas mentalmente en camisolas e pantalóns para todos os Tartarouchos.
teas
Pero en canto entrei pola porta sacáronas da bolsa e apropiáronse delas: "Eu esta! Un pantalón! E esta unha camiseta." A L. colleu unha tea de ras emocionada, unha coa que pesaba facer algo para cada un porque sei que lles ía gustar ós tres: "Esta encántame! Quero un vestido" Marchou con ela na man e volveu co vestido feito e dicíndome: "Eu quero que me cosas ESTE vestido".

Sin título

Nin idea de como se fai isto, pero a avoa Olga dixo que os grandes modistos facían así, colocaban teas enriba dos corpos e logo cosían, así que en canto collín a máquina fixen o mesmo: cosín unha basta nos bordes da tea na parte de arriba para que non se envolveran, e logo fíxenllo probar e coloquei alfinetes, volvín á máquina e cosín. Probouno de novo, díxome por onde quería que o cortara de longo, e logo rebuscamos entre os restos de teas e fixemos unha abrazadeira para o ombreiro e un cinto.

Jane flor

Haberá que darlle unhas puntadas a esa flor que quixo colocar, que parece un pouco murcha... e nalgún momento coserei a basta, pero para ela xa está perfeto.

Jane

E menos mal que quedaba un cacho de tea nos retais e fóinolo buscar a avoa, porque todos queremos a tea das ras!

mércores, 1 de xullo de 2015

City Gym Shorts II

Xa vos dixen que este era o patrón estrela desta edición. Desta vez cosín un talle menos, e creo quédanlle ben, pero coido que poderían ser incluso un pouco máis curtos e gustaríanme máis.

city gym shorts 2
city gym shorts 2
city gym shorts 2

A tea da dianteira encántame, vin o retallo colocado nunha estantería ó mirar polo cristal da tenda un día que estaba pechada e a vez seguinte que pasei por alí fun mirar se estaba. A min lémbrame ás teas africanas, e as nenas din que parece desas láminas que traen os debuxos contorneados en terciopelo e que se pintan con rotuladores, ata as cores lembran ás tonalidades que collen as tintas nese papel. A traseira é un liño cunha cor preciosa e moi fino. Algo que non fixen foi pespuntear a costura do cú para reforzala, e vouno facer nestes días porque se non creo que a tea vai acabar abrindo.

Nestas fotos vnese mellor os petos e o que vos dicía o outro día, fíxenos moi horizontais, sempre me custa un mundo decidirme, aínda non teño moi claro se me gustan máis así, un chisco máis abertos, verticais, ou agochados no lateral tras o bies (aínda que estes últimos parécenme máis incómodos)...

O ano pasado cando fixen os pantalóns deste estilo sen patrón nin tutorial fíxenos á miña maneira, hai un par de cousas sen moita importancia, pero que creo que son máis sinxelas ca no tutorial. 

Primeiro non é necesario levar o bies por todo o contorno, se vos quedades curtas ó facer o bies sempre podedes facer coma min e poñelo só ata onde se superpoñen as teas.

city gym shorts 2

E logo, que neste pantalón non temos que coser os laterais ata o final se non queremos, así que a min paréceme máis sinxelo coser o tiro colocando unha perna enriba da outra cos dereitos enfrontados. 

city gym shorts 2

E xa que estou amósovos a puntada que utilizo sempre nas costuras interiores: nas teas planas porque quedan rematadas sen necesidade de pasarlle un zig-zag, e nas de punto porque é unha puntada elástica, e aínda que consume moito máis fío, gústame máis como queda.

city gym shorts 2

E listo!

martes, 30 de xuño de 2015

City Gym shorts

Ó final a semana pasada foi ben produtiva. Cosín bastante, aínda que non me deu tempo de poñer aquí o que fixen e algunhas cousas non puiden rematalas.
Dende logo o éxito desta temporada son os shorts feitos con este patrón de balde de The Purl Bee, os famosos City Gym Shorts. Ademáis están en tallas de nena e de muller, así que vou intentar coser uns para min.
O ano pasado fixen uns pantalóns de atletismo cunha forma semellante a estes improvisando dende outro patrón, pero á Z quedábanlle xustos e imprimindo estes non tiña que calcar o patrón e volver refacer as pezas, que é o que máis odio, así que fixen estes primeiros cunha tea que merquei nos retais e que resultou un pouco rara, tiña un pouco de elasticidade ó ancho, pero resulta que a tea traía o estampado (que me encanta) en horizontal en lugar de en vertical, total, que a elasticidade da tea non a aproveitei porque cortei o pantalón o revés para aproveitar o estampado. Supoño que era unha tara (?).

city gym shorts
city gym shorts
city gym shorts

Fíxenlles petos, pero coido que apenas se ven, fíxenos un pouco altos de máis, pero a man éntralle perfetamente e teñen cabida, sempre me pide petos nos pantalóns,
A Z. necesita bastante de tiro así que fíxenos no talle 11, pero quedaron grandes, así que os seguintes tiñan que ser máis pequenos.
Si, xa sei que a camisola non pega cos pantalóns, e díxenllo, pero ela dixo que lle daba igual, así que así vai, coa súa peculiar maneira de vestir :)

city gym shorts