Supoño que ninguén se encargara de aprenderlle cousas básicas da casa e facía cousas como preguntar de cando era a auga da fregona, en lugar de mirar se estaba limpa ou suxa e actuar en consecuencia; ou como poner lavadoras por cores, pero non roupa branca e roupa de cor, senón roupa vermella, roupa azul, roupa amarela,... e obviamente non conseguía poñer lavadoras completas co gasto que supuña; pero lembreime del porque unha vez seica foi ó salón cun allo e cunha cebola na outra e preguntou: "cal é o allo e cal é a cebola?". Como pode alguén non saber diferenciar unha cebola dun allo?
Pois hoxe lembreime del porque fun facer unha ensalada e collín da neveira unha cebola moi noviña, parecía unha ceboleta máis ben. E cando probo o primeiro pedaciño dunha das súas capas dígolle ó Moucho:
- Esta cebola sabe a allo.
- Collíchela da neveira? É que é un allo.
- Non é un allo, que era toda branquiña sen dentes e ata ten capas coma unha cebola.
- É un allo que mo deu onte miña nai. De verdade. Que si. Que me dixo "colle ese allo se queres e lévao" e eu díxenlle "isto é unha cebola" e díxome "non, é un allo". E tróuxeno e púxeno na neveira.
- Pois será un cebolallo, porque por fora parece unha cebola e logo sabe a allo.
Eu crin que me estaba a tomar o pelo, como fai sempre, que ata logo dun pouco nunca sabes se é unha broma ou está a dicir a verdade, pero seica si, aquelo era un allo.
Así que como pode alguén confundir unha cebola cun allo? Pois así, cun allo tenro sen pelica na neveira.
Unha vez na dúbida fíxaste e efectivamente ves que aquelo é un allo, pero non me digades que non pasaba por cebola, o cebolallo este...
O que ten non ser de campo... para aprender a non rirse de ninguén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
E ti que dis?