Eu sempre quixen ter fill@s, e sabía que era unha cousa que me faría feliz, o simple feito de ser nai, de ver ós meus humáns pequenos, pero nunca imaxinei que podería atopar a felicidade en dous pratos baleiros dunha comida que hai poucas semanas nin probaban. Non falo da teoría, de só dicir que me pon contenta, é a sensación, nese mesmo momento, de alivio, de soltar lastre, de tranquilidade, a sorpresa de atopar aquí felicidade (e nunca me preocupou que remataran a comida, non se trata diso, pero é esgotador que só haxa catro cousas que lles gusten a cada unha e por riba nin sequera coincidan.)
Ou a chegada da primavera, a (seguro que case) tod@s, nos fai feliz un día de sol logo de meses e meses de choiva. Non nos pilla por sorpresa un sorriso pola mañá ó ver o ceo despexado, pero NUNCA se me pasara pola cabeza que ía estar feliz no preciso momento en que tocase a roupa tendida ó sol só unhas horas antes e comprobase que xa estaba seca. É a sensación dese preciso instante, se pecho os ollos e o lembro podo sentir como ese puño que tiña apretado sen me decatar e de súpeto se relaxa, coñecedes esa sensación?
Ou a sorpresa dunha merenda de chocolate con churros feitos polo Moucho un domingo pola tarde, mentres o B dorme e as nenas xogan cunha amiga no salón, todos xuntos pero os dous na cociña, man a man, tomándoo con tranquilidade, non de pé para que o bebé alpinista que non para de subirse ás mesas tire todo, nin erguéndose catro veces para recoller cousas que caen ou cousas que faltan,... Sentados. Tranquilos. Dende o principio ata a fin do chocolate e cos cachorros pretiño. Mmmmm.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
E ti que dis?