Páxinas

luns, 11 de agosto de 2014

De como fun a unha comuñón vestida con roupa de miña nai e máis da miña filla

Todo comezou alá por maio. Fixera unha chea de vestidos para a L. e ningún para a Z. que o certo é que non é tan propensa a usalos, pero no verán pensei que non estaría demáis que tivese un. E lembreime daquela tea de anduriñas e flores tan bonita que mercara no mercadiño de verán na costa... era un panel e quería que se vise todo o seu estampado sen estragala, así que acabei facendo un vestido tipo "funda de almofada", pero con forro e unha gomiña na cintura.

O problema foi que a Z. non lle gusta nada probar e a min gústame moito improvisar e tirar para diante. As únicas fotos que teño, de feito, son estas sen modelo dentro e o pobre Moucho termando da percha, agardando ser repetidas.

vestido anduriñas

vestido anduriñas

A comuñón era no medio das vacacións e non iamos estar na casa, e por riba houbo que marchar antes do que pensabamos por un imprevisto e as nenas non estaban, así que eu imaxinei os modelos na miña cabeza e pareceume que iamos estar estupendos todos. Para máis tensión aínda ocorréuseme deixar a bolsa coa roupa na casa de miña nai mentres nós marchabamos a 100 km ata o día antes. 
E chegou o día antes e a Z probou o vestido e dixo que non lle gustaba... como lle ía gustar, pobre! A tea era un algodón de verán sen ningunha caída e esa goma facía que parecese unha bola a parte de arriba. O caso é que non tiñamos máis roupa... pero entón probou este vestido que ía levar a L. e quedáballe mallado, incluso a única chaquetiña que atoparamos para a L uns días antes e que lle era un chisco grande, á Z. quedáballe perfeta. A L. quedou conforme en emprestarllo e ir coa roupa que levara para o día seguinte. E eu, que esquecera as sandalias e ía ir cunha saia ata o chan nun día que daban choiva a todo meter, probei o vestido da Z coas súas anduriñas e entrei dentro! Como lle ía gustar un vestido no que cabía eu? 
Miña nai emprestoume unhas mallas azuis e coas sandalias de conducir (que non quito en todo o verán) alá fomos de comuñón todos con indumentaria máis ou menos improvisada.

de comuñón

Creo que lle subirei un chisco a goma da cintura, que se me quería ir á cintura seguido e subíaseme, e igual lle abro abaixo os laterais, pero queda para min porque é xenial ata para dar teta: ó ter goma tamén no escote é moi cómodo para sacar a teta por arriba ;)

Está visto que os homes desta casa téñeno máis claro e non se complican tanto :D


4 comentarios:

  1. O estampado e precioso. Ben merece que o axustes para levalo cómodo. E menos mal que puxeches a última foto, que eu xa pensaba que o levaras tal cual e che estaba facendo ben pequeniña... ou ben valente... ;)

    Unha pregunta técnica, se non che importa. As dúas primeiras fotos fixéchelas con flash? E que alucino con eses fondos tan blancos e homoxéneos...

    +bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Claro que podes preguntar, as fotos son sen flash. Sempre son sen flash, pero están editadas (ó bruto porque non teño moita paciencia, pero editadas), de todas maneiras nesta o fondo branco era doado porque a parede é branca e o vestido está pegado a ela, así que non lle dá espacio a facer moitas sombras. Se puidera ou soubera como poñíache aquí a orixinal para que a vises.

      E segue a preguntar, que o pouco que saiba eu respóstocho ;)

      Eliminar
  2. jejeje que apañadiña es! namorei desa tea...é preciosérrima, quedou moi ben o vestido!
    medrouche o pelo! moi guapa!*

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Apañada pero sempre porque me saen as cousas atravesadas :D
      O pelo si, unha vez pasada a época complicada de non saber que facer decidínme por deixalo medrar... a ver canto resisto porque volve caerme a puñados, sigh.

      Eliminar

E ti que dis?