Merquei un retallo de liño vermello que había nas teas ó peso e con el fixen o peto. Usei un patrón do libro Happy Homemade vol.2 para o pantalón (o modelo i, en talle 120, e o longo do talle 100) e improvisei a parte de arriba.
Todo o rato tiña na cabeza a idea do peto unisex, e pensando ademáis en que puidera utilizalo o B., pero xusto cando estaba facendo a parte de diante a L. achegouse, así que lle preguntei se quería que lle fixese un peto ou mellor sen el, e en dous minutos estragou a neutralidade: dixo que mellor dous petos e que quería colocarlles esa cinta gris brillante (que non teño nin idea de onde saiu)... e pensándoo ben: que neno de 5 ou 6 anos ía querer poñer un peto así hoxe?
A L. non quere nunca cousas frouxas, así que temendo que lle parecese incómodo ó non sei axustado coloqueille unha goma cosida na parte traseira da cintura.
Quedei toda satisfeita con este invento. Pola parte da improvisación e polo acabado que conseguín, que se ve moi pulidiño.
A verdade é que só sabía que levaba un peto vermello amplo, recén agora que busco as fotos vexo como era en realidade e non se parecen moito, igual aí está o éxito, porque ela está encantada.
Eu alucino coas cousas que contas das roupas de nenos e nenas. Sempre penso que certas cousas pasaron, pero é certo que a pouco que miro arredor tópome coa realidad.
ResponderEliminarEse peto é absolutamente profesional! Supoño que nalgún momento estudaches corte e confección, non sí?
Bicos
En certas cousas estamos peor ca antes, Montse, porque antes as cociñiñas de xoguete eran só para nenas, pero é que agora, que se supón que temos claro que son para todos, todas son rosas e malvas! Os biquinis por exemplo, cando eu era pequena só tiñan braguiña, agora teñen parte de arriba ata os de bebés, incluso o outro día lin que había unha cadea de hipermercados que tiña biquinis con recheo para nenas! Non vou seguir porque me pon de mal humor... :(
EliminarE grazas polo piropo! Pero non, non estudei nunca nada de costura, o (pouco) que sei é de ir facendo cousas. Creo que tomar as cousas con calma e poñer atención nos detalles fixeron a diferencia esta vez. Iso e máis un pouco de sorte, supoño.
Moitas grazas Montse!