Páxinas

martes, 30 de setembro de 2014

(Non) Hai roupa tendida

Xa non hai roupa tendida. Os edificios xa non están feitos para vivir neles senón para seren admirados (e ás veces, a maioría nin iso). Meu irmán non puido pechar un balconciño con cristal porque estropeaba a estética do edificio, pero si poñer un toldo que non lle deixa tender a roupa sen que se molle. Xa non se pode tender a roupa para a cara dianteira dos edificios porque queda feo, nin para a traseira, que parece que tamén dá a algún lugar visible.

27072014-IMG_0742

Xa non pode tenderse a roupa á vista dos demáis porque é feo, e parece unha consecuencia ilóxica máis da sociedade absurda na que vivimos e na que parece ser que a estética é O MÁIS importante, máis que a realidade: na que ás mulleres sáennos pelos que non podemos ter, non envellecemos, e nin sequera as guapas somos guapas dabondo, consumimos tanta roupa que se convertiu nun ben de usar e tirar, que se renova cada ano, e agora parece que isto do aspecto exterior tocou tamén ás vivendas.

Un día escoitei a unha persoa queixarse de que vivían uns velliños na casa do lado e tiña que verlles a roupa interior porque lles daba por tendela fora, a persoa en cuestión dicía que estaba por regalarlles unha secadora... porque iso é o que queda se vives nun piso, non? Suponse, unha vez extintos os patios de luces (lembrades os patios de luces? Un patio interior onde podía tenderse a roupa fora da casa? Supoño que a función principal era dar luz ás habitacións interiores, pero logo tiña estoutra función que é a que hoxe nos interesa), que o lóxico nos pisos de hoxe onde tender a roupa á vista está prohibido, é que merques unha secadora e uses electricidade para secar toda a túa roupa, iso, ou que teñas o tendal no medio do salón, que adoita ser a habitación con máis espacio da casa para meter semellante trebello, porque non se prevé un sitio para tal cousa, supoño que se dá por feito que, ou ben non existe a roupa sucia, que é o que quere facernos crer a sociedade; ou ben terás unha secadora; ou levarás ó extremo o da roupa de usar e tirar.

29072014-IMG_0772

Ó mellor póñense de moda as lavanderías estilo americano, onde levas a colada unhas vez á semana e metes todo en lavadoras e secadoras industriais. É a consecuencia dunha roda: os pisos son caros, o metro cadrado custa moitos cartos, elimínanse os balcóns, terrazas e galerías porque son un espacio inutilizable polo que hai que pagar (o outro lugar perfeto para tender), ó ser máis caros fanse máis pequenos, logo hai menos espacio, logo non tes sitio para tender e en breve prescindiremos da lavadora e a secadora que ademáis de comerse espacio cómense a electricidade,...

Xa sei que parece unha esaxeración falar deste tema, pero estáse a achegar o frío e a choiva, e nós sendo cinco na casa temos moita roupa sucia á semana, roupa que no inverno fácilmente tarda a tres e a catro días en secar, se non máis, e vivimos nunha casa onde tendemos por onde nos parece e temos sitio para facelo, pero non podo evitar pensar na inxustiza de toda esa roupa castigada sen ver o sol, e de todas esas familias obrigadas a convivir permanentemente coa roupa mollada no seu salón, coméndose o espacio para non incrementar a factura eléctrica.

29072014-IMG_0769

Eu quero ver as bragas da veciña, e lembrar a miña avoa tendendo a roupa no piso e dicindo que aquela veciña tendía moi ordenado, e aqueloutra era un desastre, explicándome que era mellor poñer as sabas pola parte de fora, se as había, para tapar a roupa miuda, que os calcetíns íanse separando da colada para telos emparellados ó final e tendelos xuntos para poder ilos emparellandoó tempo que os recollías,... esas cousas que parecían unha parvada e das que agora case teño morriña, a "ciencia e teoría" de como tender ben a colada.

Eu quero que haxa roupa tendida.

19062014-20140619_211600

NOTA: Con agarimo adico esta entrada ó Rabudo, creador do certame "Hai roupa tendida", para que se poña bo.

NOTA 2: E sabedes do significado da frase, non? "Hai roupa tendida" úsase cando alguén quere avisar de que hai algunha persoa, sobre todo pequenos, escoitando e non debes tratar ese tema en cuestión.

NOTA 3: Así, a modo de reflexión... igual o feo non é a roupa, non? Igual o feo son as cidades...

23082014-IMG_0887

24052014-IMG_9495

xoves, 25 de setembro de 2014

Outono en flores

E resulta que ás plantas que hai na casa, e que eu daba por perdidas deulles por botar flores, o espatifilo, que leva anos na casa sen botar unha mísera flor arrincou agora.

espatifilo

Cando non tiña fillos adoitaba coidar moito as plantas, tiña moitas e mimábaas... agora sobreviven as máis fortes, supoño que cambiaron as prioridades. E pásame algo que coido que herdei da miña nai, que antes non lograba entender e agora síntoo: cando medran moito agóbianme, non sei que facer con elas, non quero cortalas, penso que as vou estragar, e non quero que sigan medrando e coméndome espacio, así que cando pasa iso acabo regalándoas.

A outra que lle deu por florear foi a unha cinta que trouxo a Z do cole o ano pasado e coa que se desilusionou agardando que botara filliños coo a a que tiñan na clase. E agora non só nos sorprendeu con dous fillos, senón que nos sorprendeu aínda máis coas flores, eu non sabía que as cintas botaban flor!

cinta

cinta

Aí se quedan unha temporada enfeitando o blogue.

mércores, 24 de setembro de 2014

A hamaca

Eu soñaba cunha hamaca, levaba un par de anos pensando en deitarme nela no xardín ó chegar a primavera e pasar alí as tardes de verán deitada mentres os nenos xogan. Pero o problema é que as nosas árbores son aínda moi pequechas e non é posible colgar delas máis nada ca unha casiña de paxaros como moito, así que aí non se podía, e eu lembrábame daqueles ganchos coas hamacas brasileiras que había na casa de verán da miña curmá Paula: estaban no porche, e cando non se estaban a usar non eran máis ca un ferro plano na parede e nas colunas, pero se premías na parte superior a pestana basculaba sobre un eixe e de dentro da parede saía un gancho. Alí colgábanse unhas hamacas brancas de algodón que meus tíos trouxeran de Brasil, se non lembro mal... encantábanme.

Eu andaba apensar onde poderiamos poñer algo así na nosa casa, e non se me ocorría un lugar axeitado, e entón Cris amosoume o soporte de Ikea para hamacas e María dixo que a hamaca ben podía facela eu... e fíxena!

Cunha tea que levaba anos na casa, que fora agasallo de miña nai, de cando comecei facendo aquelas mantiñas con sabas vellas para tirarnos na herba.

Ó principio fíxena e quedou moi longa, e como é propio de min quixen tomar un atallo e para acurtala e non ter que descoser e volver coser todas as trabaillas para pasar o cordón, pois fixen un costurón de cada lado e listo... e isto foi o que pasou:

hamaca2

hamaca1

A tea estábase a abrir co peso ó sentarnos... así que armeime de paciencia e volvín quitar os cordóns, descoser as trabillas dun lado, cortar e volver coselas. E entón quedou xenial.

hamaca6
hamaca5

O bo do soporte ademáis é que a hamaca pode usarse fora, pero tamén pode meterse dentro da casa, coma no garaxe, onde estivo ó principio de facela, que lle deu por chover, ou no salón, coma agora onde durme ás veces a sesta o B., sobre todo cando queda co papi(aínda que ocupa medio salón e é un salón grande).

Fíxena ancha e así cabemos un cento deles dentro, e ademáis pode usarse coma un balancín, sentándose dentro no outro sentido. 

hamaca3
hamaca7

Estou moi feliz coa nosa hamaca... pero iso si, o de poder pasar as tardes deitada dentro era unha ilusión, case non a probo, e cando me meto intentando descansar tranquilamente un rato, non é así:

hamaca4

...máis ben é algo así:

hamaca

XD



luns, 8 de setembro de 2014

Coser cousas raras I

Tarde ou cedo acontece. Se sabes usar unha máquina (que non coser) chega un día no que cres que iso podes amañalo cosendo algo. Un día amósovos o primeiro "algo" que cosín para que vos riades un pouco, ademáis parece que foi o precursor da cousa rara de hoxe.

Fixen unha funda para os postes da cama elástica!
XD
Non podo evitalo, semella a versión costura dos tapetes de ganchillo nos repousacabezas do coche, non?

Boh! O caso é que os postes que amarran a rede traen por riba unha especia de escuma como a dos churros que se usan na piscina e logo ían recubertos dunha funda plástica para protexer a escuma da intemperie. Nós temos a cama elástica no interior, así que a función do plástico non era necesaria, pero resultou que ós gatos gústalles a cama elástica case tanto como ós pequenos. O seu divertimento inclúe dar voltas no elástico, durmir á sesta no prtector enriba dos muelles, pero sobre todo gabear polos postes e quedarse alí arriba con cara de tolos dando chimpos.

09072014-IMG_0388

 Como resultado o aspecto dos postes era, como ben dixo unha amiguiña das nenas un día que veu: perfeto para halloween.

09072014-IMG_0390

Entón ocorréuseme facerlles unhas fundas, orixinal, eh? Con teas de mostrarios e usando velcro en tramos duns 7-8 cm (a ollo), resultou funcionar xenial.

09072014-IMG_0393

A vós tamén se vos ocorre coser cousas raras ou son eu soa?

martes, 2 de setembro de 2014

Para un namorado dos corazóns

Ou agasallo cardiofriqui.

cardiofriki
cardiofriki

Ás veces venme a inspiración e ocórrenseme cousas chulas, igual o resultado final non é o que eu agardaba, pero seguen a ser un agasallo con gracia.
Non están perfetas porque fixen as plantillas cun folio e entón, ó non se pegar ó papel á tea, sempre se cola algo de pintura polos bordes, e non sei que pasará cando se laven porque non tiña vermello (nin verde) en pintura para tea. O verde conseguino enseguida mesturando, pero por máis mesturas que fixen non conseguín nada que puidese sustituir ó vermello do corazón, así que pintei con témpera vermella e cun medium para pintura de tea... se se fastidia fastidiase todo, pero o dono está avisado, así que que goce da primeira posta por se acaso.

Ata usei o secador do pelo (que nesta casa non se usa nunca para secar o pelo) para secar unhas partes e poder poñer a plantilla da seguinte... non pensara en que tiña que superpoñelas!

1

Logo tiña tanta pintura na paleta de facer mesturas para conseguir as cores que me daba mágoa tirala, así que pintei un trapo de algodón branco facendo raias diagonais, tapando con precinto de embalar o que non quería pintar.

trapo a raias

Prestoume tanto pintar estas camisolas! O acabado deixou moito que desexar, pero foi divertido, tiven que usar a cabeza e ata saquei un trapo de raias co que facer algo. E ademáis parece que gustaron, aínda que chegasen 6 meses tarde ;)

NOTA: Por certo, a plantilla do corazón é de Girl like the sea e podedes atopala aquí.