Non atopei as boliñas de porespán que usou ela, nin as perliñas esas, estiven a piques de mercar unha area de cores para prantas e contívenme xusto a tempo: "vas mercar area? De verdade?" Entón ocorréuseme que podía usar as miniboliñas de porespán que veñen nos bonecos e coxíns eses de licra, tipo relax, pero lembro unha vez que a Z era pequena e cortou un deses bonecos, o pesadelo que eran as boliñas para recollelas: cargábanse de electricidade estática e pegábanse a todo! Vinme intentando metelas por un burato de tea e pensei que igual se me ocorría algún outro sustituto co que non toleara.
Xa xuntara cousas pola casa todo o día, e entón veume a iluminación: arroz!
É prácticamente igual que as perliñas de plástico do tutorial de Homemade by Jill. Seguramente cunha consistencia e un peso semellantes. Usei o plástico dun paquete de sabas para a fiestra, posto dobre, que non me parecía moi resistente, por se acaso. No primeiro saquiño fixen a fiestra máis pequena que no orixinal porque me pareceu que así tería algo máis de aquel, se non atoparíase todo moi axiña, logo pensei que podía facer a fiestra aínda máis pequena para aumentar o grao de dificultade, e nótase, eh? A primeira ten 8 cm e a segunda 5.
Usei algo máis dun kilo de arroz para as dúas bolsas, que teñen algo menos de 18 cm de lado, na segunda ademáis fixen un pespunte todo ó redor para reforzala e para que non se notase o peche da abertura por onde metín o arroz e as sorpresas.
Forrei a foto (44 cousas cada bolsa!) con forro de pegar e agora falta que as vaian tachando cun rotulador de pizarra, póñovos as fotos por se axuda a buscar ideas, a maioría son contas deses xogos de facer pulseiras e colares e logo outras cousas pequenas, os animaliños metálicos merqueinos para que non fosen tantas cousas irrecoñecibles, pero son tamén de facer bisutería.
Só lles vexo dous fallos: as teas que escollemos non son as máis axeitadas para sobetear nelas, vanse poñer asquerosas en nada de tempo, así que se o facedes corrixide iso nas vosas versións; e dous, non se poden lavar, e o luns, antes de que puideran atopar sequera todas as sorpresas o B. colleu un dos saquiños e meteuno nun balde con auga que non sei de onde saiu :(. Pero démoslle uso á secadora e parece que todo saiu ben... agardo que non abrolle o arroz! E... toco madeira para que o plástico non rompa se imos no coche, glups!
Ás veces non hai como propoñerse algo en serio, na fin de semana quedaron rematadas de principio a fin. E como tivo éxito xa vou xuntando para facer algunha para agasallar nalgún cumpreanos.
Chulísimos! eu tamén lle teño moitas ganas a este xogo..téñoo visto ata con lentellas! pero dame medo que co tempo poidan apodrecer...encántame o nome que lle puxeches e os distintos niveis de dificultade!!
ResponderEliminarpois se apodrecen co tempo baléiranse e faise outro, non? Creo ademáis que sen poder lavalos a tea vai facer que non duren para sempre de calquera xeito...
EliminarPor certo, o nome é o que teñen, en inglés chámanlles I spy porque o "I spy" é o noso vexo vexo.
EliminarI spy, with my little eye, something... blue!"