Páxinas

luns, 20 de outubro de 2014

Menudos libros: 1000 familias

Non tiña pensado facer ningunha entrada sobre este tema cando vin a entrada de menudos libros de Eva porque hai tempo que me sinto un pouco perdida cos libros infantís. Durante moito tempo merquei os que me gustaban (a min) para ter na casiña e lerlles ás Tartarouchas, pero agora temos unha biblioteca grande abondo na casa para o B. e elas vanse a por libros de Stilton, Kika Superbruja, Diarios de Greg e cousas polo estilo ás que eu nin sequera lles dou botado un ollo porque non me apetecen. Imos á biblioteca pública de cando en vez e botamos unha hora dando voltas perdidos entre as estanterías de libros infantís escollendo as lecturas. Ás veces sigo collendo libros que me gustan a min (e con máis chicha) para lerlles eu en alto (e de paso ver se consigo que a Z. lle colla o gusto tamén os libros sen debuxos, que seica din os seus compañeiros que "apestan e son aburridos")

A última vez que fomos foi hai unha semana, e a piques de marchar vin na estantería un libro de Taschen que collín sen intención de lerlles a elas. Collino para min. 

1000 familias

Chámase 1000 families. E son fotos de familias que o fotógrafo Uwe Ommer fixo arredor do mundo durante 4 anos. Descríbeo coma "un álbume familiar para o planeta" e chamoume irremediablemente.
Non pensaba falar del, nin sequera logo de que Eva me dixese que o apuntaba na súa lista, principalmente porque tiña claro que o collera para min, non para as nenas. Pero entón, coma a maior parte das veces resultou que me pediron que llelo lera. 

1000 familias

Con cada foto vén unha pequena descrición da familia feita polo fotógrafo ou con frases dos seus integrantes (que está en alemán e ingles), conta unha minihistoria: a que se adican ou que desexos teñen para o novo milenio (as fotos son de antes do 2000, xa suporedes). Á Z. encantoulle! Saber se un é xastre ou cultiva arroz, ou traballa de mestra, ou cantos fillos teñen, ou as mascotas, claro! Xunto ás descricións veñen un debuxo do continente, e a data e lugar onde foi tomada a foto, e foi a Z. logo de ler os primeiros a que me mandou parar para ir buscar o globo terráqueo (que me regalaron pola miña comuñón, se non lembro mal) e ir buscando os países onde foron sacadas as fotos. 

1000 familias

Tan interesante ver como van xurdindo preguntas: "os que viven en África son todos escuros ou marróns, por que?", "hai homes que teñen moitas mulleres? E mulleres que teñen moitos homes?", "e por que non pode sair a muller na foto?",...

Eu de paso pratico un pouco o meu inglés macarrónico e decátome de que traducir é aínda o triple de difícil que entender e así digo cousas como que "se introduce a si mesmo" ou que "venden traxes feitos coas súas fábricas" :D

Así que aquí o está, fora de todo pronóstico, un libro para nenas (e nenos) grandiñas do que si me apetece falar (e poñervos algunha fotiño máis para que vos entren máis ganas).

1000 familias1000 familias

1000 familias


Por certo, do que levamos lido só apareceu unha familia española, pero abrindo páxinas ó chou para poñer nesta entrada abriuse por este making off de familia portuguesa coas súas (nosas) cachenas :)

1000 familias

1 comentario:

E ti que dis?