Páxinas

venres, 31 de outubro de 2014

Temporada de mazás

Fomos a unha comida hai un par de semanas e de postre había uns biscoitos de mazá que estaban para morrer de gusto. E antolláronseme, e como no coche traiamos unha caixa de mazás reinetas dos avós, pois fixen unha versión desta receita de Kanela y limón (esta receita é de hai tempo, mirade as últimas entradas e flipade coas fotos e a evolución).

O único que cambiei foi a manteiga (que non tiña e non me vai moi ben para o meu) por aceite, usei menos mazás e botei un chisquiño de canela por arriba.

biscoito de mazá

biscoito de mazá2

biscoito de mazá3

biscoito de mazá 4

Estaba moi bo, pero non iguala ós da comida aquela, así que terei que pedir a receita. O único malo que lles vexo a estes biscoitos cremosos é que teño medo a que se derramen e cómoos eu soíña nun par de días, glups!

E agora o que vos quería preguntar, vós facedes compota ou algo semellante coas mazás para conservar? Temos moitas, e aínda que o Moucho as come de tres en tres, se sobrara algunha non quixera que se estropearan, xa sabedes... compartides comigo a vosa sabedoría?

xoves, 30 de outubro de 2014

Un chaleque de lobo

Vímolos nunha tenda e as nenas querían mercalos, custaban case 30€ cada un e eu non lles vía utilidade, así que pensei facelos.

Merquei a tea, saquei o patrón dun chaleque da Ottobre que tiña e montei un cristo cortando esa tea peluda. Picábame todo e de súpeto xa non me pareceu tan boa idea.

chaleque de lobo

Quedou enorme a pesar de que xa lle cortara un bo anaco e as sisas van rematadas daquela maneira, pero ela di que lle gusta.

Agora fáltame o da L. e planeo facer eu o patrón e facelo máis curto e máis entallado, entre outras cousas porque me queda pouca tea. Se consigo facelo algún día volvo por aquí amosárvolo.

venres, 24 de outubro de 2014

Coser cousas raras II

E aquí está, o precursor da funda dos tubos da cama elástica: un diademeiro.

Dáme a risa ó amosalo porque foi feito un día nunha arroutada farta de ter unha maraña de diademas e de que as nenas tiraran todas cada vez que querían coller algunha. A idea inicial era coller un retallo de peluche azul que me dera a amiga Cris, pero ás nenas encántalles para xogar e non fun quen de atopar máis ca un minúsculo pedaciño, así que collín o que tiña que resultou ser un peluche marrón, e entón o diademeiro pasou de ser simpático a unha cousa entre rancio e horteiro, pero funcional, iso si.

Cosín o peluche a un anaco de boata sintética gorda que tiña na casa e forrei un tubo de cartón no que nos deran unhas fotos, púxenlle velcro para pechar o tubo, por arriba vai simplemente metido polo oco do tubo, e por abaixo (púideno colocar mellor para a foto) metino no portarrollos do baño que non usamos nunca e que está posto en vertical.

E sen máis aquí vos deixo coa miña creación monstruosa :D

diademeiro kitsch

Non fai falla dicir que ó día seguinte de facer o enxendro apareceu o retallo azul que eu buscaba, pero como isto xa estaba en funcionamento e como son unha galvana, pois aí quedou para sempre xamáis, e as nenas seguiron xogando coa súa "tea suave".

mércores, 22 de outubro de 2014

KCW: 101 dálmatas e unha camisola

Esta semana é a Kids Clothes Week de Outono, unha semana para coser unha hora ó día e poñer ó día os armarios dos nenos... eu fago trampa, coma case sempre, vou tratar de amosarvos algunhas cousas que fixen dende que comezou o cole e que non dou publicado porque, ou ben non teño fotos, ou ben non teño ganas...

Esta vez ademáis a semana vén con temática: contos, ou libros infantís, vamos storybook, xa o traducids vós. E a chaqueta que traio hoxe, encaixa (aínda que sen propoñelo) cun libro de sobra coñecido, non? As camisolas de dálmata do inverno pasado foron todo un éxito, así que cando a final de cuso atopei este polar con estampado de dálmata na sección de rebaixas non o dubidei. Para facer dúas chaquetas para o inveno.

dálmata

Calculei un pouco mal, as nenas van grandes e a tea non rende nada, e por riba leva carapucha, así que deume para unha e para de contar. Á outra igual podo poñerlle algún detalle nalgunha prenda cos retallos que sobraron, peo máis nada.

dálmata

Os petos levan cremalleiras, pensei que ía ser moito para min, pero a verdade é que quedei satisfeita co resultado.

dálmata

Usei o patrón 35 da Ottobre 1/2014 no talle 134. Estoulles sacando partido a estas revistas, aínda que teño máis ideas que tempo e necesidade de roupa, que por agora están bastante surtidos, a non ser de camisolas.

E esta foi unha camisola que tiña cortada con mangas curtas para o verán, pero que non cheguei a cosela. Como aínda tiña tea fixen unhas mangas longas e cosina por fin a semana pasada. O pescozo fíxeno cunha tira de tea un chisco máis ancha do que fago normalmente, e quiteille menos centímetros e quedou unha especie de pescozo cisne que me gusta.

camisola de flores

Quería facer unhas fotos en condicións, pero pegaba moito o sol e estabamos preparadas para marchar coas bicis, así que é o que hai. Algo mellor ca nada.

De momento o único que fixen esta semana foi cortar tea para un par de camisolas. Veremos se teño tempo de coselas.






luns, 20 de outubro de 2014

Menudos libros: 1000 familias

Non tiña pensado facer ningunha entrada sobre este tema cando vin a entrada de menudos libros de Eva porque hai tempo que me sinto un pouco perdida cos libros infantís. Durante moito tempo merquei os que me gustaban (a min) para ter na casiña e lerlles ás Tartarouchas, pero agora temos unha biblioteca grande abondo na casa para o B. e elas vanse a por libros de Stilton, Kika Superbruja, Diarios de Greg e cousas polo estilo ás que eu nin sequera lles dou botado un ollo porque non me apetecen. Imos á biblioteca pública de cando en vez e botamos unha hora dando voltas perdidos entre as estanterías de libros infantís escollendo as lecturas. Ás veces sigo collendo libros que me gustan a min (e con máis chicha) para lerlles eu en alto (e de paso ver se consigo que a Z. lle colla o gusto tamén os libros sen debuxos, que seica din os seus compañeiros que "apestan e son aburridos")

A última vez que fomos foi hai unha semana, e a piques de marchar vin na estantería un libro de Taschen que collín sen intención de lerlles a elas. Collino para min. 

1000 familias

Chámase 1000 families. E son fotos de familias que o fotógrafo Uwe Ommer fixo arredor do mundo durante 4 anos. Descríbeo coma "un álbume familiar para o planeta" e chamoume irremediablemente.
Non pensaba falar del, nin sequera logo de que Eva me dixese que o apuntaba na súa lista, principalmente porque tiña claro que o collera para min, non para as nenas. Pero entón, coma a maior parte das veces resultou que me pediron que llelo lera. 

1000 familias

Con cada foto vén unha pequena descrición da familia feita polo fotógrafo ou con frases dos seus integrantes (que está en alemán e ingles), conta unha minihistoria: a que se adican ou que desexos teñen para o novo milenio (as fotos son de antes do 2000, xa suporedes). Á Z. encantoulle! Saber se un é xastre ou cultiva arroz, ou traballa de mestra, ou cantos fillos teñen, ou as mascotas, claro! Xunto ás descricións veñen un debuxo do continente, e a data e lugar onde foi tomada a foto, e foi a Z. logo de ler os primeiros a que me mandou parar para ir buscar o globo terráqueo (que me regalaron pola miña comuñón, se non lembro mal) e ir buscando os países onde foron sacadas as fotos. 

1000 familias

Tan interesante ver como van xurdindo preguntas: "os que viven en África son todos escuros ou marróns, por que?", "hai homes que teñen moitas mulleres? E mulleres que teñen moitos homes?", "e por que non pode sair a muller na foto?",...

Eu de paso pratico un pouco o meu inglés macarrónico e decátome de que traducir é aínda o triple de difícil que entender e así digo cousas como que "se introduce a si mesmo" ou que "venden traxes feitos coas súas fábricas" :D

Así que aquí o está, fora de todo pronóstico, un libro para nenas (e nenos) grandiñas do que si me apetece falar (e poñervos algunha fotiño máis para que vos entren máis ganas).

1000 familias1000 familias

1000 familias


Por certo, do que levamos lido só apareceu unha familia española, pero abrindo páxinas ó chou para poñer nesta entrada abriuse por este making off de familia portuguesa coas súas (nosas) cachenas :)

1000 familias

domingo, 5 de outubro de 2014

Case Lou 1

A semana pasada Eliana de No doy puntada sin hilo fixo un cose comigo para facer a sudadeira Lou. Dende que o propuxo e vin a sudadeira-vestido encantoume, pero non quería mercar outro patrón porque aínda teño que amortizar as dúas Ottobre que merquei no verán, así que tirei delas e modifiquei un par de patróns para facer unha sudadeira-vestido inspirada na Lou.

case Lou 1

A que vos amoso hoxe foi en realidade a segunda, e aínda que debería ter saído mellor por selo, pois o certo é que non: quedou bastante grande. Sempre peco de agrandar as cousas porque penso que é mellor que lles sirvan nun tempo a que queden pequenas, pero logo ó velas o que me gusta é que sexan da talla xusta. O problema con esta foi que o Moucho foi facer uns recados e levou con el ós pequenos, así que tiña un par de horas para cortar e coser, pero non tiña á modelo na casa e fixen a adaptación do patrón a ollo. Por riba usei un patrón distinto da primeira, porque non había a súa talla. Utilicei o patrón 30 da Ottobre 1/2014 no talle 122.

case Lou 1

Cando lle fixen a primeira proba, aínda sen os puños, pareceume que lle ía quedar curta nas mangas, así que engadín esa tira verde antes dos puños: agora élle longa e o problema é que non lle é moi ancha, así que non creo que chegue a quedarlle ben de longo e nas mangas e que aínda lle sexa cómoda no torso. Pero (polo menos de momento) semella que lle gusta.

case Lou 1

case Lou 1

A tea de peixes é unha sudadeira non perchada pero moi gordocha que atopei de milagre un día na tenda de teas, a sudadeira verde é perchada, e veu xunto cos puños da tenda da Pantigana.

Estas fotos fíxenas a fin de semana pasada. En canto rematei o vestido quixo poñelo e dixo que lle encantaba, pero agora estou un pouco de baixón, porque lembrades os pantalóns de chándal que tamén lle gustaban e quixo estrear no medio do verán? Pois agora seica xa "non lle gustan moito".

Costureiras do mundo: a vós non vos pasan estas cousas? E non vos desaniman?

Estou en stand by, sen saber que roupa necesitan de cara ó frío, que non acaba de chegar, e sen saber que coserlles, igual podía ir polo B. que de momento non escolle a roupa, pero é o que máis roupa ten. Así que seguimos agardando e buscando a inspiración.