Desta vez a rapaza que me fixo o encargo quería unha mantiña de velour ou nicki coma unha que xa me mercara hai tempo para facer un agasallo e que fora un éxito, así que escolleu esta tea de robots e pareceume que irían ben para acompañala uns extraterrestes-monstros desta tea que me quedaba na casa en forma de toalliñas de lactancia.
Esta semana levei un chasco: fun á mercería onde merco sempre esta cinta para facer as etiquetas e a que tiñan xa non era de algodón, era sintética. A muller da tenda dicía que cada vez pechaban máis fábricas e éralles máis difícil conseguir material, e que ademáis xa non había cousas de algodón, polo menos de algodón 100%. Tiven que levar outra cinta lisa que non me gusta nada e moito máis estreita. A ver se consigo nalgures esta cinta con "v" que non sei como se chama en realidade...
Estas fotos son xa do mes pasado, pero lembreime delas porque fixen algunhas toalliñas máis estas últimas semanas e non lles fixen fotos. O último encargo aínda non saiu da casa, a ver se o rexistro antes de mandalo coa súa destinataria.
E non me esquezo da colcha, está rematada xa pero aínda teño que facerlle unhas fotos en condicións, e co tempo que fai, o grande que é, e o pouco que dura a luz, aínda non tiven ocasión... tiven unha visión de onde podería facer as fotos, pero necesito un axudante... adulto, así que seguimos agardando, pero xa vola amosarei.








