Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta feito na casa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta feito na casa. Amosar todas as publicacións

venres, 18 de setembro de 2015

Camiña para can

Á volta das vacacións o mes pasado tivemos unha sorpresa das malas e tivemos que despedirnos inesperadamente da nosa Galla. Ou a miña Galla. Bótoa de menos e aínda que non era perfeta, era especial, eu era a súa humana favorita, e ela era a miña cadela preferida.

04072015-IMG_5194Cando estaba tiña claro que non necesitaba un novo can, era abondo coa intendencia diaria dunha familia de cinco humáns máis dous gatos. Pero entón de súpeto faltou, e eu pensaba en volver sair e non me vía saindo eu soa camiñar... as nenas querían un can co que interactuar máis e... pareceu que todos estabamos dacordo en volver ter un cadelo na casa. Logo de falalo entre todos tiñamos decidido que sería femia, mediana, que se levase ben con nenos e gatos, adulta nova e que non se parecese a Sacho nin a Galla, como condicións importantes... logo fomos á protectora e aceptamos levarnos un cachorro en acollida para cumplir o desexo das nenas dun bebé e calmarnos mentres buscabamos a compañeira definitiva, pero a condición de que baixo ningún concepto se quedaría na casa, sería só temporal. Entregáronnos un cachorro de máis ou menos mes e medio que chegou ó albergue sen máis irmáns nin a nai...

ORKI

Seguro que todos sodes máis listos ca min e sabiades que ía acabar quedando. Eu tiña TAN claro que non ía ter can cando Galla faltase, e máis claro aínda que cando tivera un NON ía ser un cachorro, que me crin forte, crin que podería ter un cachorro en acollida como adoitaba facer anos atrás cando estudiaba, e obviamente errei.

O cadeliño (cachorro, macho, e branco e negro, coma Galla) quedouse. Agora chámase Martes.

martes

E Martes apareceu un día deitado na mantiña do B., coma o can de Posie gets cozy e entón tiven unha revelación: imaxinades que teño un can que non come as camas?

martes manta

O día que non sexa un cachorro e confirme que efectivamente non destroza as camas teño grandes ideas en mente, de momento baleirei un par que coxíns apemazados e abrín ben a fibra e xuntei uns restos de teas que había na casa.

Debín pensar un pouco máis antes de facela, pero construíla por partes pareceume máis rápido ca facer un cubo plano e ilo enchendo, e tamén fallei, porque despois tiven que coser á man porque era imposible meter a base na máquina con semellante volume para coser ós laterais. 

Mentres o cosía á man púxeno enriba da mesa e resultou irresistible para outros dous.

camiña para Martes
camiña para Martes

Se a fixera para eles non se había deitar nela, pero non a fixen para eles, fíxena para Martes e entón pasou isto:

camiña para Martes

que prefire deitarse nese estoxo minúsculo dos gatos. XD

Ten fallos, o fondo ten moito volume e escórrese para os laterais, e os lateris non quedaron nin tan altos nin tan consistentes coma eu pensaba, así que non fan moito de paredes coma eu pretendía. De momento vaina usando, así que vou pensando como modificala cando xunte ganas para que funcione como esperaba.

martes

Ía poñer que non teño ganas de coser, pero coido que o máis axeitado é que non teño inspiraciíon, porque cando a teño, fago cousas coma estas aproveitando uns intres mortos cada día.

Non sei se volverei ter a mesma sensación de sair pasear con el, e non sair pasealo, que tiña con Galla, é difícil de explicar, sei que hai cousas que cura o tempo pero tamén que hai bichos que son especiais... e sígoa botando de menos.

venres, 24 de xullo de 2015

Repoñendo bragas

Bragas

A Z. necesitaba repoñer bragas que ían quedando pequenas, e hai tempo intentei facer un par delas, pero a verdade é unhas quedáranme demasiado cheas de costuras para o meu gusto, e nas outras que fixera con goma, cosida e recosida, quedara tan tesa que non estaba segura de que se me dese ben o das bragas. Pero esta vez cambiei o sistema. As primeiras fíxenas con foe que merquei nunha mercería da cidade aproveitando os restos da tea das ras, e logo resultou tan sinxelo que seguín. Fun aprendendo e mellorando detalles ata que atopei a que creo que é a maneira que máis me gusta.

Empecei con foe en cintura e pernas e cosido con zig zag dúas veces, logo pasei a poñer goma simple normal na cintura e foe nas pernas, e despois pasei a usar a puntada de zig zag con puntadas curtas e a coselo nunha soa costura, tanto a goma coma o foe... aínda que nalgún sitio quedoume sen coser a tea co foe, ups!
Bragas
Bragas
Bragas

As primeiras quedáronme un pouco apretadas nas pernas, pero agora xa sei que con poñerlle ó foe só 1 cm ou dous menos aí quedan ben. E gústame moito o patrón porque é moi recollido, se descubro cal é a miña talla vou probar a facer tamén para min, a ver que tal me sentan.

O patrón é de balde, de Indigo orchid e para muller, pero eu imprimín o patrón ó 90% e fixen o talle s e vaille mallado.
E o mellor son as teas: restos inaproveitables de puntos de camiseta, camisolas vellas, e todo nun remix que fai que queden chulísimas!

Bragas


Xa temos unhas cantas, ademáis deste lote, hai outras tres ou catro máis, xa volas amosarei, aínda que vén sendo máis do mesmo, a semana pasada foi: a semana de coser bragas :)

luns, 20 de xullo de 2015

Unha tanda de pantalóns

A mediados do verán e o B. non puña pantalóns curtos. Pasoume tamén coa L., que de pequena tiña problemas con cómo se sentía a roupa sobre o seu corpo, pasar de mangas longas a curtas, ou de vestidos a pantalóns podía ser un drama. Ó B. ten as mesmas sensacións, así que non apeaba os pantalóns longos, e o único "fino" que tiñamos por aquí neste verán extrañamente caloroso eran pantalóns de velour imitando panilla, máis un par que xa fixera con tea de camiseta, así que decidín facer algún máis deses rápidos para poder usalos canto antes.

Pantalóns sinxelos
Pantalóns sinxelos

Seguro que adiviñades logo da entrada anterior: foi rematalos e comezar a poñer os pantalóns curtos, sempre pasa. Pero teñen moita vida por diante.
O mellor de todo foi que coas presas, ó facer os segundos, cortei dúas pernas esquerdas, así que para aproveitar a azul que sobraba ocorréuseme cortalos onde a perna comezaba ser recta, e con iso facer os puños... e sabedes que? Un éxito, agora son os meus favoritos, non descarto facer algún máis.

Pantalóns sinxelos
Pantalóns sinxelos


O patrón é o núm. 5 da Ottobre 4/2014 e as teas son de tenda física.

NOTA 1: Ó final decidín seguir poñendo as fotos no flickr coma sempre xa que teño capacidade ilimitada e do outro xeito non, a pesar do rollo que supón copiar os códigos e pegalos en html, que se non non me van...
NOTA 2: Por riba acabo de descubrir que se pincho nalgunha das etiquetas cámbiame o tipo de letra!!! Por que este blogue me cabrea tanto? Nunca tivera tantos problemas en calquera das plantillas que usara antes. :(

mércores, 15 de xullo de 2015

Raglan de ras

Para a Z., sen ter aínda o anaco grande que mercou a avoa, utilizamos o que sobrou da tea das ras para facer unha raglan, con ras só por diante, verde nas mangas e negro por atrás.





O patrón foi o raglan naii e teño que ir mirar o talle que non me lembro.

Últimamente estou a ter algúns problemas coas puntadas en teas de punto de camiseta, e non me pasara nunca antes, creo que en parte é polo tipo de tea, porque ata agora apenas usaba puntos con elastano, pero non teño moi claro unha cousa: as agullas stretch son as mesmas que as ball point? 
Teño que comprobar se é porque as agullas están gastadas ou porque teño que usar stretch e non ball point, fun pedilas á tenda de máquinas de coser e dixéronme que para teas de punto só tiñan as ball point, que serían as mesmas, así que non o teño claro.

Hoxe metín as fotos directamente no blogue e non no flickr porque aínda non indaguei como se quita ese marco que decidiron poñerlle ás fotos, pero o tamaño de foto extra-grande queda bastante pequeno para o meu gusto... Bah, estas cousas desanímanme, houbo unha época en que non me importaba pasar tempo indagando e fozando para amañar estas cousas, pero agora o tempo non me chega a nada e non quero botar horas nisto, pero tampouco me gusta o aspecto que ten non botándoas. Se alguén quere facelo por min, eu encantada.

venres, 10 de xullo de 2015

City Gym shorts III

Os últimos desta tanda. Esta vez un talle menos para a L. e quédanlle mallados. Esquecinme completamente dos petos (!) aínda que a idea sempre foi poñerllos igual ca os outros dous pares. O peor é que só me decatei hoxe ó verllos postos.

city gym 3
city gym 3

A tea é o mesmo liño que utilicei nos da Z. Fíxenos tamén na KCW e conxuntados cunha blusa na tea de floriñas do bies que aínda non estreou, así que non teño fotos.


NOTA: Fantástico, e agora como se quita ese marco do código de flickr das fotos? :(

martes, 7 de xullo de 2015

Pequena Jane

A fin de semana ataquei a tenda de teas, había moitos puntos de algodón, así que volvín á casa coas mans cheas e intentando combinalas mentalmente en camisolas e pantalóns para todos os Tartarouchos.
teas
Pero en canto entrei pola porta sacáronas da bolsa e apropiáronse delas: "Eu esta! Un pantalón! E esta unha camiseta." A L. colleu unha tea de ras emocionada, unha coa que pesaba facer algo para cada un porque sei que lles ía gustar ós tres: "Esta encántame! Quero un vestido" Marchou con ela na man e volveu co vestido feito e dicíndome: "Eu quero que me cosas ESTE vestido".

Sin título

Nin idea de como se fai isto, pero a avoa Olga dixo que os grandes modistos facían así, colocaban teas enriba dos corpos e logo cosían, así que en canto collín a máquina fixen o mesmo: cosín unha basta nos bordes da tea na parte de arriba para que non se envolveran, e logo fíxenllo probar e coloquei alfinetes, volvín á máquina e cosín. Probouno de novo, díxome por onde quería que o cortara de longo, e logo rebuscamos entre os restos de teas e fixemos unha abrazadeira para o ombreiro e un cinto.

Jane flor

Haberá que darlle unhas puntadas a esa flor que quixo colocar, que parece un pouco murcha... e nalgún momento coserei a basta, pero para ela xa está perfeto.

Jane

E menos mal que quedaba un cacho de tea nos retais e fóinolo buscar a avoa, porque todos queremos a tea das ras!

mércores, 1 de xullo de 2015

City Gym Shorts II

Xa vos dixen que este era o patrón estrela desta edición. Desta vez cosín un talle menos, e creo quédanlle ben, pero coido que poderían ser incluso un pouco máis curtos e gustaríanme máis.

city gym shorts 2
city gym shorts 2
city gym shorts 2

A tea da dianteira encántame, vin o retallo colocado nunha estantería ó mirar polo cristal da tenda un día que estaba pechada e a vez seguinte que pasei por alí fun mirar se estaba. A min lémbrame ás teas africanas, e as nenas din que parece desas láminas que traen os debuxos contorneados en terciopelo e que se pintan con rotuladores, ata as cores lembran ás tonalidades que collen as tintas nese papel. A traseira é un liño cunha cor preciosa e moi fino. Algo que non fixen foi pespuntear a costura do cú para reforzala, e vouno facer nestes días porque se non creo que a tea vai acabar abrindo.

Nestas fotos vnese mellor os petos e o que vos dicía o outro día, fíxenos moi horizontais, sempre me custa un mundo decidirme, aínda non teño moi claro se me gustan máis así, un chisco máis abertos, verticais, ou agochados no lateral tras o bies (aínda que estes últimos parécenme máis incómodos)...

O ano pasado cando fixen os pantalóns deste estilo sen patrón nin tutorial fíxenos á miña maneira, hai un par de cousas sen moita importancia, pero que creo que son máis sinxelas ca no tutorial. 

Primeiro non é necesario levar o bies por todo o contorno, se vos quedades curtas ó facer o bies sempre podedes facer coma min e poñelo só ata onde se superpoñen as teas.

city gym shorts 2

E logo, que neste pantalón non temos que coser os laterais ata o final se non queremos, así que a min paréceme máis sinxelo coser o tiro colocando unha perna enriba da outra cos dereitos enfrontados. 

city gym shorts 2

E xa que estou amósovos a puntada que utilizo sempre nas costuras interiores: nas teas planas porque quedan rematadas sen necesidade de pasarlle un zig-zag, e nas de punto porque é unha puntada elástica, e aínda que consume moito máis fío, gústame máis como queda.

city gym shorts 2

E listo!

martes, 30 de xuño de 2015

City Gym shorts

Ó final a semana pasada foi ben produtiva. Cosín bastante, aínda que non me deu tempo de poñer aquí o que fixen e algunhas cousas non puiden rematalas.
Dende logo o éxito desta temporada son os shorts feitos con este patrón de balde de The Purl Bee, os famosos City Gym Shorts. Ademáis están en tallas de nena e de muller, así que vou intentar coser uns para min.
O ano pasado fixen uns pantalóns de atletismo cunha forma semellante a estes improvisando dende outro patrón, pero á Z quedábanlle xustos e imprimindo estes non tiña que calcar o patrón e volver refacer as pezas, que é o que máis odio, así que fixen estes primeiros cunha tea que merquei nos retais e que resultou un pouco rara, tiña un pouco de elasticidade ó ancho, pero resulta que a tea traía o estampado (que me encanta) en horizontal en lugar de en vertical, total, que a elasticidade da tea non a aproveitei porque cortei o pantalón o revés para aproveitar o estampado. Supoño que era unha tara (?).

city gym shorts
city gym shorts
city gym shorts

Fíxenlles petos, pero coido que apenas se ven, fíxenos un pouco altos de máis, pero a man éntralle perfetamente e teñen cabida, sempre me pide petos nos pantalóns,
A Z. necesita bastante de tiro así que fíxenos no talle 11, pero quedaron grandes, así que os seguintes tiñan que ser máis pequenos.
Si, xa sei que a camisola non pega cos pantalóns, e díxenllo, pero ela dixo que lle daba igual, así que así vai, coa súa peculiar maneira de vestir :)

city gym shorts 

martes, 23 de xuño de 2015

Camisola reciclada

Onte cosín a miña horiña da KCW, pero non rematei ningunha prenda, e hoxe a estas horas coido que voaron as miñas oportunidades de coser, así que vou facer trampa e amosar cousas que teño feitas e que ainda non puxera por aquí.
Co mesmo patrón nunha peza que aqueloutra dos animais, outra camisola reciclada para a Z.

a raias

Gústanme os pequenos detalles que van quedando: o resto do pescozo abotoado da orixinal, unha asimetría nas raias e esa etiqueta cunha definición que cambiei de sitio para a conservar

luns, 22 de xuño de 2015

Paxaros e flores

Cando comezou a facer calor e collemos a roupa de verán do ano pasado a Z. intentaba meterse nun vestido que lle encantaba e que lle quedaba pequeno, era de algodón finiño verde e con papagaios e flores, así que cando vin esta tea de flores crin que podía ser unha boa sustituta. É moito máis floreada e os paxariños e as bolboretas van camuflados entre tanta vexetación, pero están. Amoseilla e gustoulle, así que fíxenlle unha copia do vestido.

vestido paxaros e flores 
vestido paxaros e flores
vestido paxaros e flores
vestido paxaros e flores
vestido paxaros e flores

Está encantada co seu vestido. E eu tamén de que lle guste.

vestido paxaros e flores

xoves, 11 de xuño de 2015

Por fin un RUMS! Petos postizos

A primeira vez que participo nun RUMS (xoves de amosar algo feito para min mesma) e por suposto non é unha prenda de roupa, pero está cosido, así que igual o seguinte é unha prenda de roupa.

Teño moitos pantalóns que non teñen petos, con eses normalmente uso a chaqueta, unha sudadeira con petos canguro, para meter as chaves do coche, un pano usado, un papel ata que atopemos a papeleira máis próxima... pero teño esperanzas de que chegue o verán e non levar chaqueta, e ademáis últimamente estiven a usar algunhas chaquetas herdadas de meus irmáns e que non teñen petos, así que decidínme inspirada por unhas faltriqueiras de O Sol de Inverno e fixen a miña versión.

petos postizos

Cun peto sinxelo de bolsa e o outro máis seguro, con cremalleira

petos postizos
petos postizos
petos postizos

Por atrás pódese regular, na tenda onde merquei o peche de clic só lle quedaba esa peza para regular a lonxitude da correa, non é a que necesitaba pero ben valeu. Se fago máis teño que buscar noutro sitio a ver se atopo as pezas axeitadas.

petos postizos

Usando retallos soltos diferentes e coloridos, xa teño os meus petos postizos para usar todo o verán ou o inverno coa roupa sen petos :)

petos postizos