Páxinas

martes, 30 de setembro de 2014

(Non) Hai roupa tendida

Xa non hai roupa tendida. Os edificios xa non están feitos para vivir neles senón para seren admirados (e ás veces, a maioría nin iso). Meu irmán non puido pechar un balconciño con cristal porque estropeaba a estética do edificio, pero si poñer un toldo que non lle deixa tender a roupa sen que se molle. Xa non se pode tender a roupa para a cara dianteira dos edificios porque queda feo, nin para a traseira, que parece que tamén dá a algún lugar visible.

27072014-IMG_0742

Xa non pode tenderse a roupa á vista dos demáis porque é feo, e parece unha consecuencia ilóxica máis da sociedade absurda na que vivimos e na que parece ser que a estética é O MÁIS importante, máis que a realidade: na que ás mulleres sáennos pelos que non podemos ter, non envellecemos, e nin sequera as guapas somos guapas dabondo, consumimos tanta roupa que se convertiu nun ben de usar e tirar, que se renova cada ano, e agora parece que isto do aspecto exterior tocou tamén ás vivendas.

Un día escoitei a unha persoa queixarse de que vivían uns velliños na casa do lado e tiña que verlles a roupa interior porque lles daba por tendela fora, a persoa en cuestión dicía que estaba por regalarlles unha secadora... porque iso é o que queda se vives nun piso, non? Suponse, unha vez extintos os patios de luces (lembrades os patios de luces? Un patio interior onde podía tenderse a roupa fora da casa? Supoño que a función principal era dar luz ás habitacións interiores, pero logo tiña estoutra función que é a que hoxe nos interesa), que o lóxico nos pisos de hoxe onde tender a roupa á vista está prohibido, é que merques unha secadora e uses electricidade para secar toda a túa roupa, iso, ou que teñas o tendal no medio do salón, que adoita ser a habitación con máis espacio da casa para meter semellante trebello, porque non se prevé un sitio para tal cousa, supoño que se dá por feito que, ou ben non existe a roupa sucia, que é o que quere facernos crer a sociedade; ou ben terás unha secadora; ou levarás ó extremo o da roupa de usar e tirar.

29072014-IMG_0772

Ó mellor póñense de moda as lavanderías estilo americano, onde levas a colada unhas vez á semana e metes todo en lavadoras e secadoras industriais. É a consecuencia dunha roda: os pisos son caros, o metro cadrado custa moitos cartos, elimínanse os balcóns, terrazas e galerías porque son un espacio inutilizable polo que hai que pagar (o outro lugar perfeto para tender), ó ser máis caros fanse máis pequenos, logo hai menos espacio, logo non tes sitio para tender e en breve prescindiremos da lavadora e a secadora que ademáis de comerse espacio cómense a electricidade,...

Xa sei que parece unha esaxeración falar deste tema, pero estáse a achegar o frío e a choiva, e nós sendo cinco na casa temos moita roupa sucia á semana, roupa que no inverno fácilmente tarda a tres e a catro días en secar, se non máis, e vivimos nunha casa onde tendemos por onde nos parece e temos sitio para facelo, pero non podo evitar pensar na inxustiza de toda esa roupa castigada sen ver o sol, e de todas esas familias obrigadas a convivir permanentemente coa roupa mollada no seu salón, coméndose o espacio para non incrementar a factura eléctrica.

29072014-IMG_0769

Eu quero ver as bragas da veciña, e lembrar a miña avoa tendendo a roupa no piso e dicindo que aquela veciña tendía moi ordenado, e aqueloutra era un desastre, explicándome que era mellor poñer as sabas pola parte de fora, se as había, para tapar a roupa miuda, que os calcetíns íanse separando da colada para telos emparellados ó final e tendelos xuntos para poder ilos emparellandoó tempo que os recollías,... esas cousas que parecían unha parvada e das que agora case teño morriña, a "ciencia e teoría" de como tender ben a colada.

Eu quero que haxa roupa tendida.

19062014-20140619_211600

NOTA: Con agarimo adico esta entrada ó Rabudo, creador do certame "Hai roupa tendida", para que se poña bo.

NOTA 2: E sabedes do significado da frase, non? "Hai roupa tendida" úsase cando alguén quere avisar de que hai algunha persoa, sobre todo pequenos, escoitando e non debes tratar ese tema en cuestión.

NOTA 3: Así, a modo de reflexión... igual o feo non é a roupa, non? Igual o feo son as cidades...

23082014-IMG_0887

24052014-IMG_9495

11 comentarios:

  1. Eu, que non son animal de cámara, gardo na miña memoria moitas "fotos" de roupa tendida. Hai unha que me gusta especialmente do Campo de San Antonio, en Monforte, unha casa vella rehabilitada cun tendal de roupa pequena (de neno) de cores no balcón. Seica aquí si que se pode tender a roupa :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Eu non teño moitas fotos de roupa tendida, pero fotos mentais si. O malo e que a miña memoria,... xa sabes

      Eliminar
  2. Yo detesto la ropa tendida y que la vea el mundo entero. Mr encanta la secadora y la ropa esponjosa :-)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Eu odio a secadora que encolle dúas tallas a roupa toda de algodón e odio a textura que lles queda ás camisetas, e tamén o que destroza a roupa. Pero o peor é o que consume.

      Eliminar
    2. Uy, se me fue la pinza! Supongo que en esto de vivir cada vez más hacia adentro, el vivir rodeados de gente a la que no conoces y que no quieres conocer, que fomentan las ciudades también hace que pase lo que dices, que no quieres que nadie cotillee en tu ropa. Es entendible.

      Eliminar
  3. Una de las cosas que más echo de menos es el casco antiguo de una ciudad mediterránea llena de balconcitos con ropa tendida. A mí esas ciudades me parecen preciosas. Ahora yo tiendo en el balcón (cuando puedo), pero desde que nos mudamos a Austria hemos tendido dentro, aquí es lo normal.

    ResponderEliminar
  4. Mola ver a roupa tendida. A min non me gusta moito tendela sobre todo cando hai moitos "paxeles" pequenos. A ver se non perdemos a cordura de todo e se sigue a tender.

    ResponderEliminar
  5. Eu agora tendo na azotea comunal. Sitio ideal: soleado e ventilado. A roupa tendida pode quedar bonita nas fotos, pero na realidade os tendales nas fachadas dos edificios a min tampouco me gustan...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pero renunciamos á comodidade (dentro do feito de tender, porque máis cómodo é poñer a secadora, e consume menos tempo) pola estética, é como os tacóns, non?

      Eliminar
  6. Interesante reflexión. Eu tamén teño pensado no tema algunhas veces. Unha das cousas que máis me gustou do meu piso é que ten fachada principal, fachada trasera e patio de luces e que podo tender a roupa nel. En case nengún dos pisos novos de Coruña se pode. E me horroriza, porque tamén odio as secadoras. Miña nai di que é moi bon iso de que a roupa se airee ao sol, porque se lle va o pó e a humidade.

    Iso sí, teño un tendedeiro para tapala, que para min é maís feo que ver a roupa tendida, pero que en Galicia considero imprescindible para que non se molle no inverno.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois considérate afortunada, un piso con tres caras! Eu opino coma a túa nai, o sol mata bacterias ademáis, e a roupa ule diferente cando seca ó sol... claro que sol aquí moito non temos... e o de secala ó aire pode levar nin che conto o tempo...

      Si, as mamparas esas moi bonitas non son, pero práticas si, que eu lembro a miñanai e miña avos poñendo un plástico amarrado con pizas que logo sempre se soltaba co vento.

      Eliminar

E ti que dis?