Páxinas

xoves, 10 de abril de 2014

KCW Día 4: Vestido de animais

Tiña esta tea dende hai anos gardada, regalárama miña nai dun retallo e a idea era facerlle con ela un vestido á L cando tiña dous aniños e estaba en plena fase de vestidos, pero fíxenlle un e pasoulle a febre e apenas o puxo, así que non lle fixen máis. Agora ó pensar en facer roupa para o verán lembreime dela, saqueina para fora e en canto a L. a viu dixo que quería un vestido con ela, esperemos que agora si o use.

vestido animais

vestido animais 2

O patrón é do libro Happy homemade vol.2 o modelo r na talla 120cm, e coma sempre non puido sair perfecto:

A tea era unha tira longa e estreita, tiña catro repeticións do debuxo, pero quería intentar que quedase polo menos un panel enteiro por se o aproveitaba para outra cousa, así que estiven a darlle voltas e voltas á tea e ó final metín a zoca cortando e non tiña onde cortar as vistas dos tirantes para que fosen todas azuis, fastidioume un pouco, pero autoconvencinme de que ía ir por dentro e non se ía ver, peor entón cosín a parte traseira do canesú e os tirantes e puxen os volantes ó revés, así que o pedaciño de elefante rosa xa non estaba por dentro. Puiden descoselos e volvelos coser, pero a ela íalle dar igual, e a min non me sobra o tempo, se o descosía perdería o traballo da tarde e posiblemente tardaría outro día máis en rematalo, así que quedou así. 
Pediume que lle subira un pouco máis a basta e non o fixen pensando en que no verán seguramente lle fará falla, pero agora estouno repensando e creo que teño que subirlla se quero que o poña, logo xa lla baixarei se é necesario.

vestido animais botón

Os botóns, escollidos tamén por ela dos que había na casa, son os que tiña a saia que reutilicei para a camisola que vos amosei o outro día, e quédanlle xenial, a verdade.

Veremos o resultado que dá a tea, que era para cortiñas, edredóns e esas cousas (non sei o nome das teas, necesito un cursiño intensivo nisto, e non se aprende por internet sen poder tocalas).

Tiña pensado facer outro vestido máis, pero aínda teño a tea sen cortar sequera, así que non sei se me dará tempo nesta semana, en calquera caso, se o fago, xa volo amosarei.

1 comentario:

E ti que dis?