Páxinas

luns, 7 de abril de 2014

KCWC día 1: Gardapixamas

Esta semana é a Kids Clothes Week Challenge; o desafó para coser roupa para os peques, suponse que consiste en adicar unha hora ó día en coser para os pequenos da casa, pero agora mesmo é totalmente inviable que eu consiga sacar unha hora ó día para coser, así que todo é mentira agás que o cosín eu, comecei hai un mes ou por aí e teño algunha cousiña feita e outras aínda por rematar.
A idea é ir cosendo roupa de verán, porque sei que nos chega a primavera de golpe e as Tartarouchas queren poñerse en manga curta e pantalón curto en canto hai unha raioliña de sol, así que se non o temos feito  acabamos mercándoo, que é moito máis rápido, así que o que estou intentando facer, xa que o tempo nos axuda é ser previsora.

O de hoxe é unha excepción, porque nin sequera é roupa e porque o fixen antes do entroido! Pero como non volo amosara e como é para as nenas da casa, pois creo que pode colar :P

Algo que nunca pensara ter e que resultou ser moi útil cando nolo agasallaron foron uns gardapixamas. Xa que as camas non se fan a miúdo (e menos na voráxine pre-colexio polas mañás) valeron para que as Tartarouchas deixaran os seus pixamas gardados nas ras que facían de gardapixamas, pero dende hai un tempo os pixamas medraron e as ras non o fixeron con eles, así que non collían dentro e tiñan a escusa perfeta para deixar os pixamas tirados.

Entón no blogue de Elsie Marley apareceu esta entrada e TIVEN que facer uns gardapixamas novos. Necesitabámolos, e ademáis eran taaaaaaan bonitos!

Fun correndo preguntarlles ás nenas que querían. A L. pediu que fixese a Neve, a súa gatiña, e a Z. pediu un tigre (se non é o seu animal favorito, paréceo).

Ó día seguinte fun á feira e nun posto de cousas de mercería atopei xusto o que necesitaba para os enfeites, para o resto usei cousas que tiña pola casa: camisolas vellas, tea de polar dun disfrace da escola, e boata sintética da que usara para renovar o coxín da trona. Ata fixen uns bocetos nun papeliño, cousa rara en min, supoño que en parte porque teño presa por comezar e en parte porque non sei debuxar e porque non quero que o resultado final non se pareza o que vira no papel,...

bocetos

O que si merquei foi a tea de tigre, ainda que pensara facela con tea de camisola laranxa e negra, pasei pola tenda das teas e xa tiñan as teas para entroido, así que non me resistín. Por dentro levan parte dunhas sabas vellas de avións que foran de meus irmáns e estaban case transparentes de tanto uso.

gardapixamas por dentro


Usei boata porque os coxíns ían ser bastante grandes para que collesen os pixamas enteiros de polar que usan no inverno, pero no verán ían quedar desinflados de todo, se lles ponía boata manterían mellor a forma aínda que estivesen baleiros.
Os ollos, narices e boca cosinos sobre as tres capas e na parte traseira fixen un pechado tipo sobre ó que lle puxen un velcro.

gato por atrás
tigre por atrás

Tiña unha especie de minipompóns rosas perfetos para poñerlle a Neve copiando totalmente o que vira, pero a L. dixo que a súa gata non tiña iso, así que non llo puxemos, quedarán para outra cousa, de momento usamos uns pouquiños nesta xirafa.

Aquí están no seu sitio e recheos cos pixamas, con sitio abondo para ilos agachandosegundo vaian medrando...

tigre e gato

E aquí... bueno, xente pasándoo ben :)

gardapixama gato
gardapixama tigre
gardapixamas

5 comentarios:

  1. Me encantan!!! Estoy buscando si eres la familia de los tartarouchas de lugo , me encantan tus costutitas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Son, son. A mesmiña, pero agora sen (case) caras e falando máis das miñas cousas que das deles ;)
      Alégrame que chegaras

      Eliminar

E ti que dis?