Páxinas

venres, 20 de xuño de 2014

Termos

A nosa vella lavadora (tiña 10 anos, pero era vella porque ía polo segundo amaño de 200€, así que acabamos de cambiala. Unha merda pero é o que hai.) tiña unha pantalliña na que puña termo xusto antes de rematar o programa. Prometo que pasei anos pensando para que quentaría ó final de todo, se xa non tiña auga... ata que un día caín na conta de que tiñamos o menú en portugués... e termo é fin.

Unha parvada sen nada que ver co que que quería contar pero que me veu á cabeza ó escribir ó título da entrada.

Agora o que viña dicir: hai algunha palabra para definir esa sensación cando chegas a un sitio novo para ti e onde todo se che fai raro, pero que está cheo de xente que xa o coñece e se sinte coma na casa? Se non a hai habería que inventala, porque esa sensación é única e inconfundible, verdade? Coma cando estás nunha festa en casa de alguén e non sabes ir ó baño, ou cando entras nun edificio de oficinas e non sabes onde dirixirte, ou cando empeza(ba)s nun cole novo, ou cando te apuntas a unha actividade da que non tés nin idea, ou... (poña aquí esa situación na que está pensando).

Dende hai tempo sigo moitos blogs e páxinas en inglés, o meu inglés é moi básico e moi macarrónico, a metade das veces non me entero da metade do que leo, pero vexo que nalgunhas cousas nos falta tanto vocabulario... igual son parvadas, pero ás veces penso por que nós non inventamos unha palabra para isto e eles si? Por que teñen nomes para cincuenta tipos de bolsos, bolsas e estoxos e para nós todos son o mesmo?
O inglés é un idioma simple pero eficaz, escoitei tantas veces dicir que o castelán é un idioma moi rico, e seguro que o é, pero cando en inglés necesitan unha palabra nova xuntan dúas ou engádenlle un sufixo e xa a teñen! Como o día que descubrín outnumbered, que vén sendo estar desparellados, pero sen implicar parellas, como o que sentimos as nais de tres nen@s que só temos dúas mans, por exemplo...

E non era a miña intención, pero xa que poñerme a escribir esta entrada me foi traendo ata aquí agora vou seguir. Cando era pequena e comezaba a ter clases de inglés había algo que me contrariaba, que non entendía e que me facía sentir incómoda: por que os nomes comúns non teñen xénero? Por que non podes saber se o teu cat é un gato ou unha gata dun vistazo e unha palabra? De verdade, non sei explicalo, pero facíame sentir que todo estaba mal... e un día co paso do tempo fíxenme nai, nai dunha filla, máis concretamente e esa filla quería ir a algún sitio que xa non podo lembrar e eu resposteille algo así como:

-  Aí non podemos ir porque non é para nenos.

E entón ela díxome:

-  E para nenas?

Non é un chiste, é a realidade. Eu, que sempre pensei que iso de falar sempre en feminino como facían "as feministas" era unha esaxeración ridícula, e que usar o dobre xénero (señores e señoras, nenos e nenas,...) era un coñazo, atopeime un día coa realidade que non vía e é que o noso idioma é fermoso pero non perfeto, que a diario as mulleres temos que vernos incluídas nos masculinos plurais e nin sequera somos conscientes delo, cando está claro que de pequenas non o sentimos así. Moldéasenos un chisco (máis) o cerebro sen sequera decatarnos.
Como cando hai relativamente pouco comezara ler "Consumir menos, vivir mejor" que comeza así:


Somos muchas las que, teniendo claro que nos gus- taría vivir “de otra manera” –más relajadamente, con más tiempo para disfrutar de la vida y cuidarnos, más ecológi- ca y solidariamente–, vemos que nuestra realidad coti- diana suele ser bastante diferente de nuestros valores y de la vida que soñamos.
Pero es difícil “salirse de la rueda”, y a menudo la corriente del entorno en que vivimos es muy fuerte y nos arrastra. Nos falta tiempo y apoyo, nos sentimos solas e incomprendidas, nos faltan ideas e información...

E o primeiro que fixen foi volver atrás mirar o autor porque eu pensaba que o escribía un home. Revelador, non? As mulleres sentímonos incluídas nun masculino plural, pero un feminino plural, que serñia lóxico que incluíra tamén ós homes, o que fai é excluílos. Temos (os galegos e os casteláns) un idioma sexista e confuso. Máis adiante atopábame con este parágrafo:

“Todas y todos” (aviso técnico 1)
Para entendernos. Suelo generalizar indistintamente en femenino y en masculino, por eso cuando leas, por ejemplo, “nosotras” no debes entender que sólo me refiero a mujeres, es una generalización igual que cuando decimos “nosotros” englobando a hombres y mujeres. El castellano es una lengua con normas sexistas que podríamos cambiar ¿no te parece?

Non sei se poderiamos cambialo, poderiamos cambiar o idioma tan de raíz?

Tiña razón Aivou o outro día cando me dicía que as cousas case nunca son perfetas... pero polo menos habería que intentalo, non?

NOTA: E agora a gozar da fin do cole! Por fin! Bo verán!

summer

2 comentarios:

  1. Ui!, unha alusión :D, intentalo si, sempre, pero vivir angustiada porque as cousas non son perfectas perxudica seriamente a saúde :)

    ResponderEliminar
  2. Ai, eses toxos en flor...

    Pois non che sei moi ben que opinar de se tema. Ás veces penso que é mellor simplificar. Ás veces que as palabras son máis importantes do que cremos e que teñen moito poder, así que hai que coidar o que se usa... Ás veces certos usos sóanme ridículos. Iso téñoo vivido moito na miña profesión de profe, onde, entre certos círculos abonda o uso reivindicativo. Ás veces son eu a que me sinto reivindicativa. Xa che digo que non o teño nada claro...

    + bicos

    ResponderEliminar

E ti que dis?