Páxinas

luns, 17 de marzo de 2014

Biscoito base

Hai moito tempo que teño un biscoito predilecto, xa compartira a receita tempo atrás, pero no verán decidinme a comer máis san e cambiei os cereais do almorzo por torradas con aceite, sal e marmelada caseira, ou ben por biscoito, así que pasei de facer o biscoito de cando en vez (xa que só o comía eu na casa) a facelo una vez á semana. E parece una parvada, pero cando fas algo con regularidade aprendes cousas novas. Por exemplo: un día decidín cambiar a proporción de azucre, e en lugar dos dous vasos que leva a receita orixinal, decidín botarlle só un e medio e oh! sorpresa! Resultou que ó Moucho dixo que estaba boísimo e comezou a comer biscoito! E resultou tamén que a min, que me consideraba moi doceira, comezou a saberme máis tamén. Logo, dunha vez que xa quitara parte do azucre pensei que podía convencer ás Tartarouchas para comelo de cando en vez se lle metía algo de chocolate, así que incluín as pepitas de chocolate á modificación do azucre, e desta vez funcionou. Non é que o cambiaran polos seus cereais, pero vounas convencendo para variar os almorzos un pouco.

Entón foi cando chegou o grande descubrimento. Un día decidinme a facer un biscoito diferente, por variar, e decidinme polo biscoito doado de mandarina que compartira Euge de la Peña, e cal foi a miña sorpresa, cando ó mirar os ingredientes o único que variaba era un ovo e as mandarinas pola cenoria. Entón era básicamente o mesmo biscoito, é dicir: o "biscoito base".

Dende entón probei a facelo ademáis con cabaciño e queda igual de bo, así que planeo probar con outras froitas/hortalizas a ver que é o que pasa. Sospeito que con mazá e/ou pera será máis húmido, e non me gusta tanto esa textura, pero así e todo probarei para comprobalo.

Logo un día Eva propuxo no instagram que compartiramos a nosa "receita cos ollos pechados", e para cociñar case sempre improviso ou fago cousas tan sinxelas que non teñen explicación posible. Pero dende logo se me preguntan por algo que poida facer de memoria, iso é o meu "biscoito base", aí o vai:

biscoito base 1

 · 3 ovos
 · 3 vasos de fariña
 · 1 1/2 vaso de azucre
 · 3/4 vaso de aceite (eu uso de xirasol, pero podedes usar de oliva ou de oliva suave se vos gusta)
 · 1 sobre de levadura
 · 3 mandarinas enteiras sen pepitas ou 4 ou 5 cenorias grandes raiadas (eu pícoas co accesorio picadora da batedora) ou una cunca de cabaciño.
 · A maiores se se quere: noces, pepitas de chocolate, pasas ou o que se vos ocorra.

Mestúrase todo coa batedora. Veredes que en lugar de masa para un biscoito semella máis ben masa para galletas, é moi mesta porque a humidade apórtanllela os vexetais que están en estado sólido (no caso das cenorias ou cabaciñas estas engádense xa picadas ó final e mestúranse con axuda dunha culler, igual que as noces, pepitas, pasas,... as mandarinas pódense cortar en catro por se hai pepitas que quitar e tritúranse coa mesma batedora), vértese nun molde engraxado e enfariñado e métese no forno a 180º por arriba e por abaixo durante 40 minutos.

biscoito base 2
(a este de cabaciño que fixen a fin de semana boteille dúas cuncas del e noces mesturadas coa masa, quedou extra-xugoso*)

Se probades a facelo contade que tal, e se usades outra cousa diferente das que vos digo compartide que tal saiu.


* No galego non existe a palabra xugoso, pero o seu equivalente zumento non aplica a un biscoito mol, se alguén ten a ben ampliar o meu vocabulario culinario en galego e sustituir xugoso por unha palabra que o describa e sexa correta estarei encantada :)

5 comentarios:

  1. Se tivese a máis mínima gana de cociñar facíao, ten unha pinta estupenda :)
    (A túa letra pequena é moi pequena XD )

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa terás ganas... e se non xa cho farei eu.
      (xuraría que escribín coa normal e coa anterior á normal, pero vou mirar por se acaso... ti mentres Ctrl+, xa sabes :P)

      Eliminar
    2. Sí, sí, son a raíña do Ctrl+ :D
      Xa tiven ganas e está no forno, non sairá ben porque o tuneei pero non quedo coas ganas ;) , por certo, non sei que batidora tes ti pero a miña case morre intentando mesturar a masa

      Eliminar
    3. Pois unha normal, bueno, o ano pasado merquei unha de varillas e amasadora, que igual vai mellor para esta masa, pero o certo é que sigo usando a normal de toda a vida tipo minipimer. Non se pode apretar o botón seguido, iso si, se non igual estoupa, eu doulle ata o fondo premendo o botón, solto, sácoa e volvo metela premendo o botón. E aínda non a queimei e debe ter uns quince anos ou por aí... iso si, quédalle pouco, que as coitelas xa coitelan pouco.

      Eliminar
  2. Se falaramos de prantas... Ese "xugoso" podería ser suculento... Pero xa me pos en dúbida...

    ResponderEliminar

E ti que dis?